ENCE renovará en 2014 o seu programa de bolsas para estudantes de máster
Por Redacción
Ence financiará en 2014 unha terceira edición das súas bolsas para estudos de master como unha das actividades para cumprir co seu "firme compromiso de contribución ao desenvolvemento económico e social de Pontevedra".
A empresa considera que "a profunda crise que atravesa a nosa sociedade precisa esforzos por parte de todos os colectivos sociais, e concretamente o empresarial, para facer fronte aos retos sen precedentes aos que se enfronta a nosa comunidade". Neste contexto, "a formación é fundamental para construír un tecido empresarial capaz de afrontar as esixencias e serias dificultades económicas, e avanzar cara a unha sociedade máis próspera e un ámbito sostible".
A pasteira anunciouno este xoves con motivo da visita dos beneficiarios da súa edición das becas deste ano ás instalacións de Lourizán. Os bolseiros reuníronse co director da fábrica, Antonio Casal, e explicaron como está a ser a súa experiencia nos seus respectivos centros de estudo.
Segundo informou Ence nun comunicado, os beneficiarios intercambiaron opinións con Casal e, por solicitude deste último, achegaron algunhas ideas para continuar reforzando o programa.
Os beneficiados do II Programa de Bolsas de Ence cursan estudos en temas como Bioenerxía, Bioprodutos e Biomateriales, Enxeñaría Ambiental, Desenvolvemento Sostible, Análise Económica, Dirección de Comunicación ou Sistemas de Información Xeográfica. Realizan os seus estudos en Grenoble (Francia), Barcelona, Girona, Madrid, Vigo e Santiago.