O Consello da Xunta aproba a construción dun aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Variante de Marín
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de trazado para a execución dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Marín.
Localizarase na contorna do núcleo de Ameal e contará cun investimento de 610.630 euros.
Esta actuación, nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202, disporá dunha superficie de 3.000 metros cadrados e dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.
As prazas de aparcamento terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación. Paralelamente, haberá itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.
Ademais, a petición do Concello, o proxecto incorporará a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.