Queixas en Raxó por uns contedores: "No podemos dormir, ni estar en casa tranquilos"
Os veciños de Avenida da Toxa (Raxó, Poio) presentaron múltiples queixas ao Concello de Poio polos problemas que lles causan uns contedores en fronte das súas vivendas de planta baixa.
Posteriormente, tiveron varias reunións co alcalde de Poio e co concelleiro de Servizos, pero non obtiveron ningunha solución. De feito, levouse o asunto a pleno e tamén se tratou coa comisión de Urbanismo.
Debido a que non se tomaron medidas para resolver a situación, os veciños decidiron contactar coa Valedora do Pobo.
Os inconvenientes aos que se expoñen son varios. Un dos residentes expón "no podemos dormir y estar en casa tranquilos". Isto débese ao ruído emitido polo camión ao realizar a recollida dos residuos. Por mor desta situación, un dos veciños está a recibir medicación para poder conciliar o soño.
A parte da contaminación acústica, estes contedores quitan visibilidade na saída do garaxe o que dificulta a incorporación á PO-308. Ademais de que non poden comprobar se hai algún vehículo adiantando ou se pasan bicicletas, comenta a veciña. A maiores destes problemas, súmaselle o cheiro que emite o lixo, a propietaria notifica que hai uns"olores horribles".
Os veciños comentan que utilizan uns contedores que se atopan a dous minutos das súas vivendas, polo que cosideran innecesarios os que se atopan en fronte da súa casa.
Actualmente, a queixa está admitida a trámite pola Valedora do Pobo.
RESPOSTA MUNICIPAL
O concelleiro de Obras e Servizos, Julio Casás, xa explicou a preguntas do PP no Pleno de decembro que "existen uns informes técnicos, emitidos polo enxeñeiro municipal e pola Policía Local, que descartan o traslado dos recipientes ao outro lado da calzada, tal e como demandan estes veciños, por unha cuestión de seguridade".
Casás abordou este tema cos afectados, residentes nunha vivenda próxima a onde se sitúan os contenedores, e lles explicou esta situación. O concelleiro dixo que os contenedores están ubicados a continuación da saída dos vehículos, polo que non limita a visibilidade. "Outra opción sería retirar de alí os recipientes, deixando sen servizo á zona, unha solución que afectaría a máis xente".
O edil de Servizos entende que "cando Infraestruturas reformou este tramo da PO-308 debería ter previso engadir unha isleta para acoller os contedores, algo que non se fixo. A día de hoxe, o emprazamento actual é o máis seguro e o que cumpre cos informes técnicos pertinentes".