Seis cámaras rexistrarán os movementos peonís en Pontevedra para estudar a mobilidade da cidade
Por Alejandro Espiño
Pontevedra estreará "en breve" seis cámaras que se están a instalar en diferentes puntos da cidade. Non gravarán imaxes nin afectarán a intimidade das persoas, senón que só servirán para rexistrar o número de desprazamentos peonís que se fan no ámbito urbano.
As cámaras estarán situadas nas pontes do Burgo e Santiago, nas rúas Benito Corbal, García Camba, Rosalía de Castro e na Praza de España, segundo explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, que destacou que os dispositivos terán unha "función de conteo".
"Chámanse cámaras, pero hai que deixar claro que non gravan en ningún momento. Teñen aspecto de cámaras, e fanse notar como tal, pero na práctica a súa función non é gravar imaxe, senón que contan persoas, tanto en movemento como paradas", engadiu o concelleiro.
Todas elas teñen dúas funcións diferentes. As que están nas cabeceiras das pontes tentarán achegar datos obxectivos sobre os desprazamentos das persoas para ir aos aparcadoiros ou saír da cidade cara ao campus, O Burgo ou Lérez.
As outras catro, situadas en puntos dunha grande mobilidade peonil, teñen máis que ver co funcionamento interno da cidade e os seus movementos.
A estas seis cámaras sumaranse outras dúas, que estarán en dous aparcadoiros disuasorios, fronte ao Pavillón Municipal e na rúa Virxinia Pereira, que servirán para o control do aforo para poder ofrecer información en tempo real nas pantallas informativas da cidade.
Os datos que ofrezan estas cámaras serán utilizados para "entender mellor" a mobilidade dentro da cidade e os desprazamentos que realizan as persoas.
"Hai xa moitos anos que os estudos de mobilidade non poden xirar só ao redor dos estudos de tráfico, senón que hai que ver a mobilidade xeral", indicou Demetrio Gómez, que defende que coas cámaras "obteremos uns datos que nos permitirán avanzar neste eido da mobilidade".