O sector audiovisual galego interésase polos proxectos nados nas aulas da Facultade de Comunicación
Por Redacción
Dirixido a poñer en valor os novos talentos do audiovisual galego e conectalos coa industria, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolleu este xoves a sexta edición do Pitching TFG, un encontro promovido polo Clúster Audiovisual Galego, no que titulados e tituladas das tres universidades galegas presentan os seus traballos a representantes de diferentes produtoras.
Trece proxectos audiovisuais, de diversos formatos e en diferentes fases de desenvolvemento, foron seleccionados para unha xornada na que a Universidade de Vigo estivo representada polos egresados da Facultade de Comunicación Victor Couto, Isabel Estévez, Branca Breijo e Martín Arufe, que presentaron a representantes de sete produtoras as series, curtametraxes e producións multimedia que idearon para os seus traballos de fin de grao (TFG).
O encontro foi inaugurado polo presidente do clúster, Jorge Algora, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e contou tamén coa participación da decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres.
Tras a apertura, procedeuse á presentación dos traballos seleccionados das tres universidades galegas, así como doutras tres propostas por parte do Clúster do Audiovisual de Catalunya. O encontro completouse así mesmo cun speed dating, no que os novos titulados e tituladas puideron conversar con representantes de Adivina Producciones, Portocabo, Zenit Televisión, Setemedia, Meglo Cinema, La Pizarra Produce, Studio XXI Producciones e Televisión de Galicia.
Finalmente, este sexto Pitching TFG pechouse coa entrega de premios ao mellor proxecto e á mellor creación en lingua galega, acto que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e da xefa de Contidos da TVG, Montse Besada, e no que se recoñeceu á serie Fuera de campo, presentada polo clúster de Cataluña e á curta No profundo, presentada por estudantes da USC.