O BNG leva ao Parlamento galego a ordenación do porto de Covelo desde a PO-308
Por Redacción
A candidata do BNG á Alcaldía de Poio, Marga Caldas, anunciou que o Bloque vai levar ao Parlamento unha serie de iniciativas "para que a Xunta cumpra, dunha vez por todas, cos compromisos adquiridos en 2009" e leve a cabo este ano o proxecto de ordenación e urbanización do acceso ao recinto portuario de Covelo desde a PO 308.
Este proxecto inclúe a pavimentación da calzada e das beirarrúas, a creación dunha zona de estacionamento, a dotación de alumeado e mobiliario urbano e a renovación da rede de saneamento.
Marga Caldas fixo este anuncio nunha visita ao porto de Covelo, acompañada polo alcalde, Luciano Sobral, e o deputado do BNG, Luís Bará.
Os representantes nacionalistas lembraron que no ano 2009 Portos de Galicia iniciou a tramitación dos convenios e dos proxectos para a mellora dos portos de Covelo e Raxó, que prevían un investimento de 1,9 millóns de euros en Covelo e 1,3 no porto de Raxó, proxectos que se unificarían un ano despois nun só, cun investimentos superior aos tres millóns de euros, que recollerían as melloras solicitadas polo concello e a veciñanza.
Transcorridos máis de 12 anos daquel anuncio, os proxectos están sen realizar. No caso de Raxó anunciouse recentemente o investimento de 900.000 euros (dos que o concello asumirá o 30%), mediante un acordo entre Portos de Galicia e a administración local.
No caso do porto de Covelo, fixéronse algunha reformas parciais mais está sen realizar o proxecto inicialmente acordado e redactado, que permitiría ordenar e urbanizar o acceso ao recinto portuario desde a PO 308, a pavimentación da calzada e das beirarúas, a creación dunha zona de estacionamento e a dotación de saneamento, alumeado e mobiliario urbano.
Relacionadas:
-
O Pleno de Poio aproba o convenio con Portos para a mellora integral da contorna do peirao de Raxó
Por Redacción |
-
As obras de mellora da PO-308 entre Fontenla e Combarro, en marcha o luns 23
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Acordo entre a Xunta e o Concello para humanizar o porto de Raxó
Por Redacción |