En Barro, o Nadal chega antes para os maiores
Por Redacción
¡Que belo é vivir! rezaba a coñecida película de Frank Capra, moi oportuna para as datas de Nadal nas que nos atopamos. Ese mesmo sentimento foi o que expresaron unha vintena de usuarios do servizo público de axuda no fogar do Concello de Barro, que presta no municipio a empresa Idades, S.L.
Reuníronse por primeira vez para brindar xuntos polas festas de Nadal e pasar unha tarde na mellor compañía.
O encontro celebrouse este xoves na Escola Obradoiro Santiago Apóstol III e nel non faltaron, como cómpre, un pequeno ágape para todos os usuarios do servizo e a boa música, que correu a cargo da actuación dun grupo de música tradicional que amenizou esta festa navideña e animou a moitos deles a atreverse cun baile.
Os asistentes, todos eles maiores dependentes ou con problemas de mobilidade, recibiron tamén un pequeno obsequio. Pero o máis importante foi poder compartir risas, conversacións e bos momentos. Un bo ambiente e unha compañía que fixo que entren no Nadal do mellor xeito posible.