Alerta por un incendio nunha casa abandonada fronte ao Chalé de Fontoira
Por Redacción
Un incendio presuntamente provocado arrasou na tarde deste mércores o interior dunha casa abandonada na praza de Campo do Boi, a escasos metros do Chalé de Fontoira.
O lume declarouse pasadas ás 17.45 horas. O Centro de Atención de Emerxencias 112 teno rexistrado a raíz dunha chamada veciñal ás 17.48 e inmediatamente desprazáronse ao lugar dous vehículos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra e varias patrullas das policías Local e Nacional.
Segundo informaron os Bombeiros, as tarefas de extinción prolongáronse durante máis de dúas horas, ata poucos minutos antes das oito da noite, e a Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias do lume.
As lapas empezaron de forma morna e, malia que a chuvia caía de forma insistente, reaviváronse pasados os primeiros minutos e obrigaron a romper as portas de acceso ao inmoble. En principio, non chegou a estar en perigo ningunha vivenda próxima, pero si resultou fortemente danada a vivenda en cuestión. Segundo os Bombeiros, o tellado 'colapsou'.
O suceso alertou os veciños do ámbito polo amplo dispositivo de medios despregados e porque da casa saían chamas e, sobre todo, unha nube de fume de grandes dimensións que se distinguía a varias rúas de distancia.
Os veciños congregados no lugar sinalaron que nos últimos días viran varios mozos intentando prender lume no interior da vivenda, que leva sen habitar varios anos e presenta un evidente estado de abandono.