Pacto entre os concellos pontevedreses para "galeguizar" a súa relación coa xustiza
Por Redacción
A Declaración de Pontevedra. Así será coñecido o manifesto que asinaron 35 concellos da provincia, máis da metade do total, comprometéndose a aumentar o uso da lingua galega nas relacións entre as administracións locais e a xustiza.
Esta iniciativa é un "feito histórico" na normalización do galego, segundo Carmela Silva, presidenta da Deputación, administración que a impulsou xunto coa Irmandade Xurídica Galega, a Xunta de Galicia e a Asociación de Funcionariado para a Normalización Lingüística.
O manifesto establece como obxectivo normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas en galego.
No texto tamén se recolle que, de aquí en diante, as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da ‘Declaración de Pontevedra’ sexan en lingua galega.
Silva recordou que nestes momentos a lingua galega está aínda relegada no uso xudicial por cuestións históricas e defendeu que "se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender".
"Hai que rachar con esta situación e mover os marcos da lingua, remediar as inercias do pasado e xuntar sinerxias entre todas as administracións para acadar unha maior unidade de acción na defensa do galego", engadiu a deputada María Ortega.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, destacou que "alguén debía ter a iniciativa de fomentar o uso na xustiza e poñer o tema sobre a mesa" e apuntou que "poñer recomendacións do uso do galego nos pregos dos concellos para contratar asesorías non custa, non é máis caro nin vai levantar sarpulllido".
A última intervención institucional foi a do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, que recordou que os concellos teñen un papel primordial fronte á resistencia de que o galego se use na xustiza porque "boa parte dos procesos que se ventilan" son locais.
"Temos que conseguir que as asesorías internas ou externas usen o galego e dean un paso adiante", sostivo, asegurando que a lingua galega non será recibida nun ambiente "hostil nin discriminatorio" xa que son moitos os profesionais que xa utilizan o galego.
Ademais da firma deste manifesto, o acto serviu para conmemorar o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego, coa participación da maxistrada Ana Filgueira Paz, as avogadas Patricia Vilán e Ana Mosquera ou o responsable da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz, municipio que xa realiza todos os seus trámites xurídicos en galego.
Todos eles defenderon a necesidade de normalizar o galego no ambito xurídico e celebraron o compromiso dos entes locais por avanzar no uso prioritario do noso idioma en todas as súas relacións coa administración de xustiza.
A xornada pechou coa descuberta dunha placa nos xardíns laterais do Pazo Provincial en conmemoración do 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego e de lembranza da sinatura da Declaración de Pontevedra no día de hoxe.
Dentro da área de Pontevedra, asinaron esta declaración os concellos de Barro, Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Caldas de Reis, Bueu, Meis, Portas, Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, A Illa de Arousa. A eles sumarase Cuntis, ao non poder asistir o alcalde este sábado.