Vox opta pola continuidade e elixe a Manuel Torres como candidato ás municipais en Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Vox esfollou a margarida e, como era previsible, repetirá candidato en Pontevedra para as eleccións municipais de 2023. Manuel Torres, que xa liderou a súa candidatura nos últimos comicios, é a persoa elixida para competir pola Alcaldía.
Así o aprobou o comité executivo nacional do partido.
Manuel Torres, casado e con dous fillos, estudou Enxeñería Industrial e comezou a súa carreira profesional no sector naval no ano 1999, no estaleiro que Nodosa ten en Marín.
Desde 2003, é funcionario municipal no Concello de Pontevedra.
Alí, exerceu na dirección de Disciplina Urbanística e Policía Administrativa, na xefatura do Servizo de Extinción de Incendios e, a día de hoxe, é adxunto ao xefe da Oficina Técnica de Infraestruturas, Enxeñería e Servizos.
Torres foi ademais deportista federado e presidente do Real Club de Mar de Aguete, entre os anos 2015 e 2019, cursou estudos musicais e é alférez de fragata como oficial reservista voluntario da Armada.
Forma parte de VOX desde 2018 e, actualmente, é o vicepresidente do comité executivo provincial en Pontevedra.