Un Consello asesor preservará a historia e a memoria das mulleres pontevedresas

Por Redacción
A Casa das Campás será este xoves o lugar de constitución do Consello asesor do proxecto "A memoria das mulleres" e tamén da súa posterior presentación pública.
Este proxecto é unha iniciativa do Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultura, que xestiona Luís Bará.
A reunión constitutiva do Consello asesor será ás 18.00 horas e estará integrado por:
- María Xesús López Escudeiro. Foi concelleira de Educación, Muller e Cultura do Concello de Pontevedra, e delegada da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia en Pontevedra
- Teresa Casal: avogada, foi secretaria da delegación da UNED en Pontevedra e concelleira de Urbanismo e Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra
- Salomé Álvarez Blanco: foi concelleira de Muller e Educación do Concello de Pontevedra, e parlamentaria no Parlamento galgo
- Carme Vidal: xornalista e escritora
- Aurora Marco: profesora universitaria e investigadora
- Pilar Allegue: profesora universitaria e investigadora
- Cristina González: profesora de Historia (IES Martín Sarmiento)
- Rosario Portela Yáñez: escritora e investigadora
- Xosé Álvarez Castro: profesor e estudoso da memoria histórica, autor de Pontevedra nos anos do medo.
- Patricia Arias: profesora de lingua galega no ensino medio, escritora, integrante do consello de redacción da revista feminista Andaina
- Carmen Suárez: psicóloga, impulsora do proxecto Memoria de muller (Xunta de Galicia, 2007-2010)
- Montse Fajardo: xornalista e escritora, autora do libro Matriarcas.
O Consello asesor está formado por persoas de diferentes ámbitos sociais e profesionais que teñen unha traxectoria relevante en relación co estudo, a divulgación e a promoción de políticas públicas relacionadas coas mulleres. Constitución do Consello asesor e presentación do proxecto A memoria das mulleres. Terá funcións de información, asesoramento, formulación de propostas e avaliación do desenvolvemento do programa. Estará formado por un máximo de 20 integrantes e reunirase cando menos dúas veces no ano.
O acto público de presentación do Consello asesor e do proxecto "A memoria das mulleres" será a partir das 19.30 horas para dar a coñecer o programa de investigación e divulgación da historia e da memoria das mulleres de Pontevedra.
No acto interverá Aurora Marco que fará unha semblanza de mulleres pontevedresas. Tamén está prevista unha actuación do grupo de pandereteiras Adonairare e a actuación da cantante pontevedresa Ángeles Ruibal.