Expertos de 16 universidades debaterán no campus sobre o futuro do xornalismo
Por Redacción
Expertos e investigadores nos ámbitos do xornalismo, a publicidade e as relacións públicas de 16 universidades españolas reuniranse os días 6 e 7 de febreiro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para participar no XV Foro Universitario de Investigación en Comunicación, organizado polas universidades de Vigo e de Navarra, que se desenvolverá por primeira vez na comunidade autonómica galega en 2014.
Baixo o título de O novo diálogo social: organizacións, públicos e cidadáns, este congreso, coordinado dende o Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade deste centro, centrarase en debater sobre o futuro da comunicación nuns tempos de cambios sociais e tecnolóxicos.
Xunto ás organizadoras, estarán neste congreso as universidades Complutense, Carlos III, Pontificia de Salamanca, Antonio Nebrija, Cardenal Herrera, San Pablo-CEU e Francisco de Victoria; así como as de Valladolid, Málaga, Sevilla, Alicante, La Laguna, Murcia e Comillas.
Tres mesas temáticas, sobre Tendencias na comunicación corporativa e institucional, Modelos produtivos na mensaxe audiovisual e Nova cultura publicitaria e diferentes conferencias e actividades culturais conforman o programa dun foro que se desenvolverá os días 6 e 7 de febreiro de 2014. O catedrático Juan Benavides, ex-reitor da Universidade Complutense de Madrid, e o director xeral da Asociación Española de Anunciantes, Juan Ramón Plana, son dous dos relatores que xa confirmaron a súa presenza neste congreso.