Sete centros de saúde da área sanitaria activan plans locais para mellorar a Atención Primaria
Por Redacción
Sanidade anuncia que pon en marcha sete plans locais de saúde 2023-2026 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Este martes asinábase en Santiago de Compostela esta iniciativa que afecta os centros de saúde de Lérez, A Parda e Virxe Peregrina de Pontevedra, Bueu; Cambados, Vilanova de Arousa e Valga.
Segundo o Sergas, estes plans teñen como finalidade fortalecer a proxección asistencial de Atención Primaria, adaptándose á súa realidade particular. Trátase de ferramentas para planificar no ámbito local os obxectivos e accións de mellora en cada centro de saúde, atendendo ás necesidades da poboación á que atenden.
Son os propios profesionais destes centros de Atención Primaria os que, ao coñecer as características dos pacientes que atenden, deciden establecer un deseño multidisciplinar para levar a cabo as accións para atender á poboación, seguindo os criterios marcados desde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.
Entre outras cuestións, encargaranse do deseño de programas específicos de saúde e control de patoloxías de maneira específica en cada centro coa intención de aumentar a calidade nos distintos servizos de Atención Primaria fomentando a autogestión.
Estes plans tamén impulsan a figura dos xefes e coordinadores de servizos para xestionar, no ámbito local, os recursos humanos. Desde o Sergas tamén inciden en que permitirán unha maior proximidade, accesibilidade e equidade no trato aos pacientes, ademais dunha mellor organización das axendas dos profesionais.
Tamén posibilita que os profesionais sanitarios de cada centro de Atención Primaria poidan participar en labores de promoción e prevención de saúde colaborando cos Concellos, con centros educativos, servizos sociais, asociacións ou, en xeral, coa cidadanía.
Ademais, o persoal do centro de saúde Virxe Peregrina, espazo que serviu de lanzadeira deste plan, recibía o recoñecemento institucional en Santiago de Compostela polo seu traballo no uso racional de antibióticos.
Relacionadas:
-
A CIG denuncia que os PAC da Parda e Baltar non contaron con médico en Noitevella mentres se contrataban ambulancias externas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cambio na xerencia da área sanitaria e inmunodepresión social ante a falta de médicos
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
Os servizos de Dermatoloxía e Dixestivo da área sanitaria e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os 'Best in Class' de España
Por Redacción |