O Apalpador leva o Nadal máis galego a toda a provincia
Por Redacción
O Apalpador, a tradicional figura do Nadal galego, comezou este martes o seu habitual percorrido por toda a provincia de Pontevedra. Este carboeiro de barba vermella estivo durante a mañá no centro infantil de Príncipe Felipe e pola tarde visitou o Pazo Provincial.
Durante a súa visita ao Pazo Provincial da Deputación, este personaxe tradicional galego mantivo un encontro coa deputada María Ortega, responsable do departamento de Lingua, para desexar unhas felices festas a toda da provincia.
Durante os vindeiros días, fará paradas en toda a provincia, dentro da que é xa a oitava edición do programa ‘Nadal en Galego’ da Deputación de Pontevedra.
Así, o Apalpador estará o sábado 24, día de Noiteboa, ás 19 horas en Barro; ás doce do mediodía en Cerdedo-Cotobade e ás 17.30 en Campo Lameiro.
Estes percorridos itinerantes polos centros das vilas estarán marcados por cada un dos concellos e levarán ao Apalpador o 3 de xaneiro ás sete da tarde ata A Lama.
Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.
O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.