O Hospital do Salnés estrea un novo TAC
Por Redacción
O hospital comarcal do Salnés activa este martes o seu novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC). Esta nova aparataxe renova a tecnoloxía que prestaba servizo no centro hospitalario arousán, que xa contaba cun tempo de actividade operativa superior aos 10 anos.
O novo TAC é o primeiro equipo que se instala na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés dentro do programa de renovación de alta tecnoloxía de equipamento electromédico do Plan INVEAT -plan de inversión en equipos de alta tecnoloxía sanitaria no sistema nacional de saúde-.
O novo equipo incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial e que mellora os tempos de traballo dos profesionais aumentando a calidade da resolución dos estudos.
Ademáis, incorpora tecnoloxías de última xeneración, con moitas capacidades clínicas e unha redución de dose de radiación de ata un 82 por cento.
MÁIS APLICACIÓNS CLÍNICAS
O novo novo TAC do hospital comarcal do Salnés tamén permite aplicacións clínicas que non presentaba o aparato anterior, caso da posibilidade de efectuar estudos cardíacos, estudos de perfusión cerebral para o Código Ictus, á vez que incorpora sistemas de intervencionismo, podendo efectuar biopsias, drenaxes e puncións.
Así mesmo, o novo TAC do hospital arousán tamén dispón dun sistema de nova xeración baseado en tecnoloxía de intelixencia artificial, que optimiza o fluxo de traballo para mellorar a facilidade do seu uso, incrementando a adquisición de imaxes e sistemas postprocesado, o que lle permite unha maior precisión nos estudos diagnósticos.