Os efectos da choiva obrigan a pechar Fototiendas, que chegou a ter un río pola parede interior
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Chove sobre mollado no establecemento de Fototiendas situado na praza da Ferrería. Este luns víronse obrigados a pechar en horario de tarde despois de que as choivas das horas anteriores provocasen que lles entrase auga no interior do local. E, o peche, lonxe de ser novo, supón repetir o ocorrido na semana do 21 de novembro, na que empezaron unha serie de problemas de filtracións e inundacións que lles obrigaron a manter o negocio pechado durante varios días.
O negocio abriu en xullo de 2021 e no seu primeiro inverno tiveron algún problema de humidades, pero os propietarios do edificio realizaron tarefas de limpeza e os problemas non foron a máis.
Con todo, este inverno, todo foi a peor. A partir do 21 de novembro, empezou a caer auga no interior. Era un luns e "ao principio caeu pouco", pero, a medida que avanzou a semana todo foi a peor e, cando o xoves chegaron os reparados do seguro, a auga xa se coaba polos ocos de todas as luces.
O resultado foi que se asolagou a parte superior e chegou un momento en que a auga chegou ao baixo e asolagáronse o escaparate e os quioscos de impresión. Tal e como se pode ver nos vídeos que gravaron aqueles días, nas paredes interiores chegou a caer unha especie de río de auga.
Algunha mercadoría resultou danada e as desfeitas principais afectaron á maquinaria, sobre todo na primeira planta, "que é onde máis caeu". Alí teñen varios quioscos, impresoras, cámaras e o estudo.
Como consecuencia do ocorrido, estiveron varios días pechados e, finalmente, abriron a pasada semana. Con todo, o respiro duroulles pouco. Ata que este luns volveu chover, explican desde o negocio, do que a encargada é Maribel Ribao.
Este luns, a fachada do edificio tiveron que valala e, con axuda dun guindastre, subiron á parte superior para revisar a orixe dos problemas. "Estamos a esperar a que nos chegue unha solución", explican.
Cando este luns volveu entrarlles auga, sorprendeulles, pois "pensamos que xa estaba" solucionado. Agora, están a revisar os canlóns para ver se atopan unha solución desviando a forma en que a auga circula pola fachada, "tentando que a auga no canto de entrar dentro, vaia cara a fóra". Pois fíltrase a través da fachada á parede interior.
Estes problemas chéganlles na época máis forte do ano para o seu negocio. Xunto co Entroido, nesta época realízanse moitas fotos de estudo e nestas semanas de Nadal véndese moito en tenda.
"Aféctanos moitísimo explican". Esperan que en cuestión de tres ou catro días poidan abrir, pero xa hai ingresos que perderon porque por exemplo, "o estudo témolo que pechar, quedou inutilizado; é por onde máis auga cae" e foi necesario cancelar citas xa concertadas. Tiñan xa todo decorado de Nadal.
O mesmo ocorreulles durante o Black Friday do 25 de novembro. Ese día tiñan preparadas unhas ofertas que non puideron facer porque estaban pechados. Naqueles días mesmo tiveron que paralizar a actividade da súa páxina web porque non podían imprimir nin fabricar nada.
Agora confían en poder salvar o Nadal, pero, de momento, este luns, pecharon.