A Casa das Campás acollerá a presentación de Canal Sénior, nova plataforma dixital con temáticas para a poboación maior
Por Anxo Lourido
A Vicerrectoría do Campus de Pontevedra, situada na Casa das Campás, acollerá o luns 12 de decembro, desde as 10.00 ás 12.30 horas, un acto de presentación da nova plataforma Canal Sénior, pertencente á Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS).
Esta plataforma ofrecerá temas de tecnoloxía, lecer, saúde, forgar, moda, deportes, alimentación e económica, destinados especificamente ao sector da poboación maior. A intención desta proposta é mellorar a calidade de vida destas persoas a través do coñecemento de temáticas do seu interés e necesidade.
Con esta proposta, as persoas maiores poderán ter ao seu alcance, a través de internet, coñecementos que impliquen unha maior proximidade coa súa contorna, evitar o illamento social e mellorar as diferentes facetas relacionadas coa saúde individual.
O responsable do Canal Sénior, Iván Portela, será o encargado de explicar o funcionamento desta plataforma e os asistentes terán a oportunidade de ver a retransmisión en directo dunha actividade sobre funcións útiles do dispositivo móbil.
O uso da plataforma é gratuíto e forma parte da diversificación de actividades destes colectivos de estudantes universitarios sénior.