As monxas de Santa Clara, con anorexia nos séculos XVI e XVII e con problemas de ósos por rezar moito
Por Redacción
As monxas que viviron en Santa Clara séculos atrás tiñan problemas nos ósos por pasar moito tempo a rezar, apenas tiñan caries ou perdas dentais, eran mulleres máis pequenas que a media daquela época e hai sospeitas de que durante os séculos XVI e XVII podían sufrir de anorexia.
Estas cuestións saíron á luz este xoves durante a charla sobre a inhumación dos corpos das monxas de Santa Clara realizada pola doutora Olalla López e a antropóloga Clara Veiga.
As dúas especialistas deron detalles sobre o estilo de vida, a alimentación ou as doenzas na congregación das clarisas que, no caso da anorexia, agora van estudar máis en profundidade porque xa se ten detectado noutras ordes relixiosas semellantes.
A doutora Olalla López explicou que o traballo de laboratorio cos corpos de Santa Clara tardará dous ou tres anos en completarse. De momento, xa detectaron que as monxas de Santa Clara eran mulleres "moi gráciles, pequenas de corpo", e vaise estudar a posibilidade da anorexia.
Nos séculos XVI e XVII había unha moda nas ordes relixiosas de vida austera e de comer pouco, facendo que as monxas sufrisen de anorexia e hai fontes escritas que corroboran esta situación noutras congregacións –como outra necrópole aparecida en Cuenca-, onde tendo acceso a unha alimentación privilexiada decidían non inxerir alimentación en cantidade.
Clara Veiga, responsable do traballo de campo, explicou os traballos realizados no terreo e sinalou que se atoparon no convento un total de 40 enterramentos dos que se escavaron 24, nos que se atoparon restos de 19 persoas.
Por zonas, na ‘portería’ acháronse cinco enterramentos e escaváronse catro, sen atopar restos óseos pero si madeiras dos cadaleitos; na zona do ‘bosque’ acháronse cinco enterramentos e escaváronse tres, non achando máis que un fémur esquerdo dunha persoa e dous cravos con madeira pegada que levan á hipótese de pertencer a un cadaleito; e finalmente o Claustro, o sitio con máis enterramentos (30), onde se realizaron 17 escavacións en 12 tumbas (algunhas reutilizadas), e onde se tivo coñecemento de 19 individuos, recuperando 16 esqueletos aos que se sumaron os sinais na terra doutras tres defuntas.
Todos os enterramentos estaban realizados en orientación oeste-leste, algo moi característico dos enterramentos cristiás, en decúbito supino, estirados, e cos brazos nunha posición concreta relacionada coas persoas que pertencen a ordes relixiosas: os brazos cruzados un sobre outro sobre a barriga sen entrelazar as mans, salvo dúas excepcións (unha coas mans xuntas na barriga e outra cunha man no peito).
Nove dos corpos conservaban características físicas que permitían determinar un sexo biolóxico e todos pertencían a mulleres. En canto á idade, hai dous corpos infantís que están entre os 7 ou os 10 anos, datación feita grazas ao estudo da formación dental.
Tamén chama a atención que nos dentes detectouse hipoplasia dental, que se produce na formación dos dentes na idade infantil cando o corpo está exposto a estrés ou enfermidade. O resultado é que queda unha liña con menos esmalte, xa que o corpo prioriza atender outras cousas e carga menos esmalte na dentadura. "Isto aparece nalgúns corpos de Santa Clara que na infancia tiveron algún momento de estrés", sinalou.
Relacionadas:
-
Santa Clara celebra un ano de apertura ao público integrándose no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
Atopan dúas balas en Santa Clara: un proxectil das guerras carlistas e outro da Guerra Civil
Por Redacción |
-
As monxas de Santa Clara facían teatros replicando os autos de fe da Inquisición
Por Redacción |
-
Perdiches o teu balón tras os muros de Santa Clara? O Concello abre unha vía para recuperalos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Santa Clara deixa de ser un misterio para 2.400 persoas nunha fin de semana
Por Redacción |
-
A restauración de Santa Clara solucionará o "desastre" dos engadidos feitos ao convento
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os segredos que revelaron as escavacións de Santa Clara, ao descuberto
Por Redacción |
-
A "rebelión" das monxas de Santa Clara que ecoou ata no Vaticano
Por Alejandro Espiño |
-
Así viviron as monxas de Santa Clara durante 750 anos: xa bebían chocolate no século XVI e procedían de familias nobres
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As escavacións de Santa Clara descobren restos do lateral oeste do claustro
Por Oskar Viéitez |