Pontevedra Alternativa estará nas municipais para canalizar o "descontento" dos cidadáns
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6d3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/6388996983-20221201-patxot-poal-pontevedra-alternativa-1577.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f54/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6388998195-20221201-patxot-poal-pontevedra-alternativa-1581.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4d3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6388999148-20221201-patxot-poal-pontevedra-alternativa-1579.jpg)
© Mónica Patxot
Un partido cuxa única ideoloxía política "é o respecto e a tolerancia". Así se presentou este xoves Pontevedra Alternativa, que a seis meses das eleccións municipais de 2023 confirmou que se suma á pugna pola Alcaldía.
Carlos Fontán -hostaleiro de profesión e que será o seu candidato-, Pedro Estévez e Aldara Paz son tres das caras visibles dun proxecto liderado por xente nova "que temos empregos propios" e que non buscan vivir da política senón "facer algo mellor para a cidade".
"Móvenos a ilusión e as ganas de traballar por Pontevedra", sostiveron durante a presentación do partido, que regresa á escena política once anos despois de que esta mesma marca fora creada por Ramón Pedras 'Petete', quen lles cedeu os dereitos.
Pontevedra Alternativa, segundo os seus responsables, busca canalizar o "descontento" dos cidadáns coa situación actual da cidade, da que responsabilizan a un goberno municipal "que perdeu o norte e é escravo das súas propias tolemias".
Pero as súas críticas non se centran unicamente no BNG. Desde Pontevedra Alternativa lamentan a "pleitesía" que lles rende o seu socio de goberno, un PSdeG-PSOE "incapaz de poñerlles liñas vermellas e non pedirlles explicacións por nada do que fan".
Ademais, consideran que o PP na cidade "roza a inexistencia política" e desenvolveu un labor de oposición "pouco construtiva", porque segundo apuntaron "non lembramos unha soa achega que fixesen para mellorar a vida dos pontevedreses".
Por iso, os responsables deste novo partido reiteran que Pontevedra "merécese unha alternativa na forma de facer as cousas", cun equipo de xente "que traballe pola cidade" e o faga de maneira construtiva "achegando novas e boas ideas".
"Pactaremos con quen haxa que pactar", aseguraron, co obxectivo de que haxa máis emprego na cidade, unha novo PXOM que permita que o municipio creza de maneira "ordenada" ou que Pontevedra non "expulse" aos seus mozos por falta de oportunidades.
Un dos seus principais obxectivos políticos será tratar de convencer ao 38% dos cidadáns que non acudiron a votar nas eleccións de 2019, ao entender que esa bolsa de abstención permitiríalles conseguir representación na corporación municipal.
En todo caso, aínda que nacen co "reto" da cita electoral de maio no horizonte, os líderes de Pontevedra Alternativa garanten que o seu "é un proxecto a longo prazo".