Melloras na iluminación e en viais do barrio da Seca
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro Luís Bará visitaron as obras de mellora que se están a acometer no barrio da Seca.
A visita que se realizou coa directiva da Asociación de veciños A Seca comezou polo Camiño dá Vía que enlaza o barrio co vial de Valdecorvos. Neste tramo realizáronse traballos de acondicionamento con pavimiento de formigón, recollida de pluviais e mellora da iluminación. Esta obra era demandada polos veciños porque se emprega como comunicación peonil entre o barrio con Santa Margarida e coa zona de Loureiro Crespo e Juan Carlos I.
No entroncamento co vial de Valdecorvos ampliouse e suavizou a rampla de acceso e instalouse un valo de protección.
Durante o percorrido comprobouse a renovación da iluminación pública con tecnoloxía led que se instalou en todo o barrio dende a rúa Francisco Añón ata as rúas da Seca e Santa Margarida. Esta iluminación permite un aforro en consumo de aproximadamente o 80% e reduce os custos de mantemento do servizo.
O cambio de iluminación tivo un custo de 150.000 euros xunto á realizada en ponte Sampaio.
O alcalde e o concelleiro mantiveron unha reunión cos veciños nunha zona de estacionamento que se acondicionou fronte ao ramal de baixada polo Camiño Vello de Castela. A pretensión do goberno local é abrir unha nova rúa nese espazo e, mentres tanto, cubriuse de formigón para establecer un aparcadoiro para 30 vehículos.