Ponte a punto regresa a Pontevedra coa súa décima edición
Por Redacción
Ponte a punto regresa a Pontevedra para celebrar por todo o alto o seu décimo aniversario. Esta edición se celebrará durante a matinal deste sábado no Auditorio de Afundación en lugar do Pazo da Cultura, como viña sendo habitual.
O evento de desenvolvemento persoal converteuse no congreso deste tipo máis veterano de Galicia e nun dos máis lonxevos de España, e contará cun electo formado por algúns dos relatores máis relevantes que mesmo pasaron por Ponte a Punto ao longo desta década.
Trátase de Javier Iriondo, Josepe García, Fernando Salinero, Pepe Cabello, Majo Cascales, Raquel Arbizu, Sissi Freire, Natalia Sanchidrián, Santiago Pazhín e Mario San Miguel, que abordarán temas de tanta actualidade como a resiliencia, a xestión das emocións, o benestar mental, a mellora das relacións cun mesmo e cos demais e, por suposto, asuntos vencellados coa motivación e a superación persoal.
"Este congreso vai facilitar ferramentas, estratexias e grandes doses de inspiración para que as persoas poidan xestionar mellor as súas emocións e levar ben as situacións recentes e actuais que nos tocaron vivir", sinalou a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco.
Engadiu, ademáis, que o perfil dos asistentes ao evento é moi variado, polo que "está dirixido a calquera persoa que estea interesada en mellorar como ser humano a nivel mental e emocional, mellorar e ter unha vida máis plena, feliz e íntegra e que desexe contar con ferramentas que as axuden a xestionar mellor as emocións, actitudes e pensamentos".
Ponte a Punto, que iniciou a súa andadura en 2012, está organizado pola firma Docensa en colaboración coa Concellería de Promoción Económica. Nestes dez anos pasaron relatores recoñecidos como Javier Iriondo, Fernando Salinero, Sergio Fernández, Josepe García, Pepe Cabello, Anne Igartiburu, Teresa Viejo, Majo Cascales, José María Toro, Carlos Andreu, José Antonio Fernández Bravo, Montse Hidalgo, Miriam Fernández, Mario San Miguel e outros moitos.
Para máis información sobre o programa, os relatores e as entradas, pódese consultar a páxina oficial de Ponte a Punto: www.ponteapunto.es.