Liberdade para os tres detidos pola gran plantación de marihuana de Mourente
Por Natalia Puga
As tres persoas detidas entre a tarde do martes e a mañá do mércores como supostos responsables da gran plantación de marihuana localizada pola Policía Nacional nunha nave de Mourente xa están en liberdade.
Segundo confirmaron fontes policiais, os tres quedaron en liberdade xa en sede policial, sen necesidade de pasar a disposición xudicial. Si deberán comparecer no xulgado unha vez que a Policía Nacional conclúa o seu atestado sobre esta operación.
Unha destas persoas foi detida na tarde do martes, cando axentes do grupo 2 da Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional de Pontevedra entraron na nave de Mourente e localizaron a plantación. As outras dúas, na mañá do mércores, cando os axentes continuaron coas investigacións.
Este grupo policial levaba meses investigando a actividade destes sospeitosos, que cultivaban marihuana nunha nave aparentemente abandonada do lugar da Bouza de Mourente. Levaban desde maio nesta nave e tiñan unha plantación que, a falta do cómputo final, incluía ao redor de 2.500 plantas de marihuana, unha cifra sen precedentes na cidade de Pontevedra.
A nave estaba preparada con lámpadas de gran potencia, ventiladores e todo un sistema de rega e iluminación que podería darlles catro cultivas de marihuana a ano. Estaban alí desde maio e lograron que non se descubrise a plantación porque utilizaban filtros de aire para evitar que o cheiro saíse ao exterior. Tiñan dúas plantacións diferenciadas e un sementeiro.
O complexo sistema consumía gran cantidade de electricidade que eles tiñan picada, isto é, conectada directamente á iluminación pública para evitar pagar pola enerxía consumida e tamén ter consumos elevados que puidesen levantar sospeitas.
Os responsables da plantación tiñan dentro da nave un habitáculo preparado para vivir as 24 horas do día e coidala. Tiña dúas camas e unha ampla despensa chea de comida en conserva, pan de molde, café, cola-cao, leite, azucre e outros alimentos non perecedoiros que lles garantía estar ben alimentados durante unha longa tempada sen necesidade de saír da nave. Este xoves doárona a Cáritas para evitar que se perda.
Relacionadas:
-
A plantación de marihuana de Mourente pertencía a unha rede que exportaba droga ao resto de España e Europa
Por Natalia Puga |
-
Unha gorida con dúas camas e moita comida para custodiar 2.500 plantas de marihuana en Mourente
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Extraordinaria incautación de 2.500 plantas de marihuana en Mourente
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada