Activada a campaña 'Ningunha crianza sen sorriso' para recadar xoguetes
Por Redacción
Comeza unha nova campaña para estas festas do Nadal coa recollida de xoguetes baixo o lema 'Ningunha crianza sen sorriso', que permite ás persoas veciñas de Poio doar xoguetes para que sexan repartidos entre familias desfavorecidas do municipio.
Rosa Fernández, concelleira de Benestar Social e Mocidade, indica que estas doazóns xa se poden realizar na Casa Rosada desde este mércores 2 de novembro durante todo un mes. O único que se pide desde o Concello é que os xoguetes se atopen en boas condicións de uso e limpos.
A recollida realizarase entre as 09.00 e as 14.00 horas e entre as 17.00 e as 21.00 horas. Aquelas persoas que precisen máis información poden poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 986.872.401 ou enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org
A concelleira sinala que en 2021 repartíronse xoguetes entre máis de oitenta escolares de diferentes idades e fai un chamamento para que a cidadanía, tanto de Poio como doutros municipios, volva participar neste acto solidario.
Silvia Ramírez, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva Samieira, encargarase, un ano máis, de empaquetar os agasallos mentres que o persoal de Servizos Sociais vai realizar a repartición entre as familias durante os días previos ás festas.
HOMENAXE A PARELLAS QUE CELEBRAN AS VODAS DE OURO
Tamén se recupera, despois do parón de dous anos debido á irrupción da pandemia, o acto de homenaxe a todas as parellas e matrimonios que celebran cincuenta anos de convivencia. Celebrarase o domingo 27 de novembro.
Rosa Fernández sinala que teñen localizados aos matrimonios que casaron hai medio século no municipio pero convida a aquelas parellas que se casaron noutra localidade e que residan durante moitos anos en Poio que se poñan en contacto co Concello chamando ao 986.872.401 antes do venres 11 de novembro. Durante o acto de homenaxe entregarase un obsequio con motivo da conmemoración.