Chama á Policía Local admitindo que estaba a incumprir unha orde de afastamento e termina fuxindo polo monte
Por Oskar Viéitez
Este domingo a Policía Local de Vilagarcía tivo que intervir nun caso relacionado con violencia de xénero, neste caso en Cea.
Segundo informan dende o Concello de Vilagarcía, todo comezou cunha chamada de teléfono do 112 no que un varón comunicaba que el mesmo estaba quebrantando unha orde de afastamento para, acto seguido, colgar sen identificarse.
Os axentes, conscientes de que onde se fixera a chamada había unha vítima de malos tratos, se presentaron no lugar. Tras entrevistarse coa muller, esta negou que a súa ex parella se atopara na vivenda. Ao indicarlle o feito da chamada, chegou a dicir que podería deberse a un brote psicótico da súa ex parella, pero insistiu en que non se encontraba alí.
Cando se lle demostrou que, pola triangulación do teléfono, sabían que a chamada se fixera dende a casa, ela reiterou que a súa exparella, N.E.K, de nacionalidade marroquí, non estaba alí, que o teléfono tíñao ela e que a súa exparella regresara ao seu país de orixe.
Os axentes explicáronlle que a voz da chamada era dun varón e insistiron en que polo seu ben e o da súa filla debía de colaborar, entón a muller pediu a N.E.K. que saíra de tras unha porta e que se entregara.
Este, ao que se lle escoitou falar, saíu por unhas escaleiras que dan a un semisoto que, a súa vez, ten unha saída cara a parte posterior da vivenda. Iniciada unha persecución, de noite e con lanternas e por diversas fincas, ao final se lle perdeu a pista pola zona de monte da parroquia de Cea.