Crecen a obra nova e a rehabilitación de vivendas en Pontevedra
Por Redacción
O sector da construción de vivenda (obra nova e rehabilitación) na cidade de Pontevedra e a súa área de influencia rexistra un intenso crecemento a pesar dos primeiros efectos dunha recesión económica: intenso repunte da inflación e unha subida de tipos de interese.
Os Expedientes de Dirección de Obras tramitados no terceiro trimestre de 2022 na Delegación da cidade de Pontevedra do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo) creceron un 29.1% con respecto ao mesmo período de 2021. Pasaron de 189 expedientes a 244.
Pola súa banda, os expedientes tramitados no que levamos de ano (de xaneiro a setembro) tamén avanzaron un 26.4%. No primeiros nove meses de 2021 rexistráronse 583 expedientes, fronte aos 737 que se contabilizaron de xaneiro a setembro deste ano.
O sector da construción de vivenda na cidade de Pontevedra e o norte da provincia mantén un crecemento constante e contén o impacto que supón a carencia de man de obra cualificada e o crecente custo dos materiais.
Con todo, a obra nova está a perder protagonismo na cidade de Pontevedra e a súa área de influencia. As novas promocións baixan un 19,7% no terceiro trimestre de 2022 (73 expedientes) respecto ao mesmo período de 2021 (91) e representan un 30 por cento das obras tramitadas. No terceiro trimestre do pasado ano representaban o 48% das iniciativas do sector. No que vai de ano a alza é do 24,8%, ao subir dos 137 expedientes de obra nova tramitados, aos 171. A obra nova representa o 33,1% dos expedientes tramitados de xaneiro a setembro deste ano, mentres que as novas promocións no mesmo período de 2021 equivalían ao 39,1%, segundo os datos da Delegación de Vigo do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra.
O presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra, Manuel Rañó,sinala que "a actividade da construción nas cidades de Vigo e Pontevedra e en toda a provincia mantense estable", explica o representante dos 'aparelladores', unha profesión crave nun sector estratéxico para a economía de Galicia. E engade que "os fondos Next Generation impulsados desde a Unión Europea permítennos ver o futuro do sector con optimismo".
"O noso sector está a sufrir a falta de materiais básicos e notamos a carencia de man de obra cualificada"
Manuel Rañó tamén é realista e recoñece que o horizonte non está do todo despexado. "Desde que se produciu a invasión de Ucraína o noso sector está a sufrir a falta de materiais básicos e notamos a carencia de man de obra cualificada; a estas dúas circunstancias únese agora a subida do prezo do diñeiro, necesario para financiar proxectos; e unha preocupante subida da inflación, que parece non ceder", apunta.
A rehabilitación de vivenda gaña terreo fronte á obra nova na cidade de Pontevedra e a súa área de influencia. Representa o 70% dos Expedientes de Dirección de Obra tramitados na cidade do Lérez e nos municipios dependentes da Delegación do Coatpo nesta capital no terceiro trimestre de 2022. Son 171 expedientes tramitados no terceiro trimestre deste ano, fronte aos 137 contabilizados no mesmo período do ano anterior. De xaneiro a setembro de 2022 rexistráronse na cidade e a súa área 501 expedientes de rehabilitación, que representaban o 68%; fronte aos 358 do mesmo período do ano pasado, que equivalían ao 61,4% do total.
EVOLUCIÓN FAVORABLE EN TEMPOS DE INCERTEZA
O presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra está satisfeito de como está a se comportar o sector da vivenda nestes tempos de incerteza. Manuel Rañó continúa confiando en que os fondos Next Generation para rehabilitación enerxética sirvan de motor para tirar do sector. Mesmo expón a necesidade de "simplificar os trámites das axudas para garantir unha máxima execución". O presidente dos aparelladores de Pontevedra destaca que a profesión que representa "está a mostrar a súa resiliencia para superar as trabas que se están presentando e para dar resposta á maior demanda social de edificios sostibles, confortables, seguros e saudables".
Pola súa banda, o Orzamento de Execución Material (PEM), que reflicte desde o inicio do proxecto todos os custos que implicará unha obra incluíndo materiais, man de obra e medios auxiliares, está a reflectir a escalada da inflación, sobre todo a través do encarecemento da enerxía e os materiais básicos para o sector. O PEM de todos os Expedientes de Dirección de Obras tramitados na cidade de Pontevedra e os municipios da súa área creceu un 66,5% no terceiro trimestre de 2022. Pasou dos 20,09 millóns de euros de xullo a setembro de 2021 (106.000 euros por cada obra) aos 33,46 millóns do terceiro trimestre deste exercicio (137.000 euros por obra), segundo datos da Oficina Técnica do Colexio da Arquitectura Técnica de Pontevedra.
O orzamento por obra no terceiro trimestre creceu un 29,25 por cento. O presidente dos ‘aparelladores’ da provincia explica a subida dos PEM. "A escalada de prezos trasládase tamén aos orzamentos dos proxectos de construción de vivenda e, en consecuencia, ao custo final da obra, que acaba encarecéndose". Manuel Rañó confía en que estas circunstancias, que, ao seu xuízo "parece que serán duradeiras" no tempo, "non supoñan unha freada na boa" evolución que está a marcar o sector da vivenda.
OBRA NOVA E REHABILITACIÓN NA PROVINCIA
A construción de vivenda (obra nova e rehabilitación) en toda a provincia de Pontevedra tamén creceu. E fíxoo un 14,21% durante os nove primeiros meses de 2022. A Oficina Técnica do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra tramitou de xaneiro a setembro en toda a provincia 1.551 expedientes de dirección de obras. E nos nove primeiros meses de 2021: 1.358.
A obra nova en toda a provincia de Pontevedra subiu un 2,7% no mesmo período e representa o 36,3 por cento dos expedientes tramitados nos nove primeiros meses de 2022. Pasou dos 548 expedientes de xaneiro a setembro de 2021 aos 563 dos nove primeiros meses deste ano. Así mesmo, as rehabilitacións e reformas tramitadas en toda a provincia no mesmo período creceron un 24,4%, ao pasar dos 807 expedientes nos nove primeiros meses de 2021 aos 1.004 de xaneiro a setembro deste ano. As rehabilitacións representan o 64% por cento do total de Expedientes de Dirección de Obras xestionados pola Oficina Técnica do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A construción de vivenda nova e a rehabilitación cae levemente en Pontevedra e a súa área
Por Redacción |
-
As obras de rehabilitación aumentaron na Boa Vila un 34,5% durante o pasado ano
Por Redacción |
-
A obra nova e a rehabilitación de vivenda crece un 25% en Pontevedra a pesar da escalada de prezos
Por Redacción |
-
A arquitecta técnica pontevedresa Juana Méndez Modia, galardoada como 'Profesional Colexiada de 2021'
Por Redacción |