Alberto Varela demandará á Xunta as melloras pendentes no colexio de Carril
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, trasladará de forma directa ao conselleiro de Educación, as necesidades urxentes que ten o colexio Rosalía de Castro de Carril e demandaralle a execución das melloras pendentes.
O rexedor comunicou esta decisión ás representantes da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do centro ás que recibiu este mércores no Concello na compaña do edil de Educación Argimiro Serén. A carta solicitando unha entrevista persoal co responsable autonómico remitiuse tan pronto como rematou a reunión coas nais dos alumnos.
Como xa fixera o curso pasado, Alberto Varela e o seu goberno, volven a facer fronte común coas familias do colexio de Carril co obxecto de facer presión ante a administración autonómica e conseguir que se leven a cabo as obras comprometidas e as novas necesidades que van xurdindo e son da súa competencia.
Neste sentido, e segundo a orde de prioridades marcadas polos membros da ANPA, o rexedor pedirá ao conselleiro que, antes de nada se executen os arranxos da antiga casa do conserxe, que presenta importantes danos estruturais que imposibilitan o seu uso por parte da ANPA.
O rexedor lembraralle a Román Rodríguez que a situación desta edificación foi trasladada á delegación de Educación o pasado mes de xuño, xunto co informe do arquitecto municipal, no que se especificaban os danos que presenta e que son de carácter estrutural e polo tanto, quedan fora das obrigas de mantemento e conservación que competen ao Concello.
En segundo lugar, demandarase que se remate a reforma dos aseos do centro, unha obra comprometida xa hai dous cursos e da que a Consellería só executou 6 dos 13 baños existentes. E por último, pedirase outra actuación pola que tamén se leva tempo esperando: o cambio das fiestras do colexio.
No que respecta aos asuntos que si son de competencia municipal, aos traballos de posta a punto do centro levados a cabo antes do inicio do curso, o Concello reporá unhas baldosas dun dos corredores e reporá a grava do patio de xogos para nivelar fochas.
Por último, o alcalde comprometeuse a visitar o centro educativo para comprobar in situ os problemas de tráfico ás horas de entrada e saída co obxectivo de estudar posibles vías de solución.