Entretemento virtual no Pavillón da Raña coa primeira xornada do Gaming Fest
Por Redacción
Este sábado o Pavillón da Raña respiraba ambiente xuvenil con participantes e curiosos que se achegaban á xornada inaugural da segunda edición do Gaming Fest.
Ao longo deste sábado celebrouse unha pasarela de cosplay, torneos de Just Dance, Mario Strikers e Multiversus, entre outros, con enfrontamentos de jugger e xogo libre en VR, consolas e exhibicións e partidas de diferentes modalidades de xogos como Infinity, Gaslands ou Aristeria, entre outros.
Este domingo 16 está prevista a organización de varios torneos como os que se celebrarán de Fifa 22 e Duel Commander. A primeiras horas da tarde ofrecerase un concerto de Yell0 para, a continuación, disputarse os torneos de Mario Kart 8 e Beat Saber con entregas de premios e diferentes actividades complementarias.
No pavillón desenvólvense tamén charlas, concursos e talleres, ademais de manterse unha zona de Simracing e outra de realidade virtual con postos propios de Gaming Troop. E para aqueles que necesiten repoñer forzas entre as diferentes partidas teñen a oportunidade de achegarse aos postos de comida situados no exterior do recinto.