As dúas novas paradas do bus urbano activaranse a partir do 17 de outubro
Por Alejandro Espiño
O bus urbano de Pontevedra contará con dúas novas paradas a partir do próximo luns 17 de outubro. Son dous puntos que se suman ao percorrido que une o centro urbano co hospital Montecelo e o barrio de Monte Porreiro.
Ambas as paradas incorpóranse á liña circular Praza de Galicia-Montecelo-Monte Porreiro. Será no lugar de Moldes (Mourente), na confluencia da Rolda Leste coa PO-532; e na parte baixa da rúa 12 de Novembro, xunto ao cruzamento con Eduardo Pondal.
Estas dúas novas paradas foran solicitadas polo Concello de Pontevedra, tras comprobar a necesidade de incorporalas ao percorrido e, tras o seu estudo, foron autorizadas pola Xunta de Galicia, que coordina este transporte a través das concesións autonómicas de autobús.
O incremento do número de paradas, segundo a Xunta, non alterará o percorrido da liña, polo que este novo servizo non afectará os usuarios actuais.
Esta liña conta con ata 31 frecuencias diarias de luns a venres cada media hora, desde as 07:30 ás 22:00 horas, que se reducen a quince os sábados e a seis os domingos e festivos.
O edil de Mobilidade en Pontevedra, Demetrio Gómez, sinalou que ese mesmo luns o Concello procederá a pintar e sinalizar a nova parada do 12 de Novembro, mentres que o pintado da de Moldes, ao ser unha estrada autonómica, deberá autorizalo a Xunta.
A maiores, a administración municipal destinará 18.000 euros á instalación de tres novas marquesiñas no percorrido, en puntos que resulta "imprescindible" para dotar estes puntos da maior accesibilidade posible para os seus usuarios.
Estas estruturas poñeranse nas paradas da Rúa das Hortas, enfronte aos xulgados; en Josefina Arruti, na rotonda da estación de autobuses; e en Montecelo, en dirección a Pontevedra, segundo detallou o responsable municipal.
Gómez indicou ademais que o Concello solicitou á Xunta que lle proporcione información sobre o funcionamento das liñas e os seus niveis de ocupación, unha información que consideran "realmente importante" para estudar posibles cambios ou reforzos.
A este respecto, a Xunta asegura que o desconto temporal do 50% no prezo dos abonos que financia o goberno galego supuxo un aumento da demanda dun 48% nos autobuses urbanos de Pontevedra, con respecto á media de viaxeiros en 2022.
Relacionadas:
-
O transporte urbano de Pontevedra consolídase cunha media de 24.000 usuarios ao mes
Por Alejandro Espiño |
-
Cambio do percorrido da liña 2 do bus urbano de Pontevedra con motivo das obras do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello de Pontevedra abordará coa Xunta o reforzo dalgunhas liñas do transporte urbano
Por Oskar Viéitez |
-
As dúas novas paradas do bus urbano, en Eduardo Pondal e Mourente, pendentes da burocracia
Por Alejandro Espiño |
-
Os bonos mensuais do bus urbano, a metade de prezo ata final de ano
Por Alejandro Espiño |