A praza do Marqués de Valterra estrea iluminación e contará con novo pavimento
Por Redacción
Unha nova actuación municipal na praza do Marqués de Valterra, en Estribela, mellorará a calidade de vida dos seus veciños. O investimento total no barrio, con cargo ao Plan de Obras 2013 da Concellería de Urbanismo, supera os 95.000 euros.
A nova iluminación consiste en nove puntos de luz (sete sobre báculo e dous sobre fachada) que proporcionarán un ambiente axeitado nunha zona que quedaba a escuras durante a noite pola obsolescencia da rede anterior. Estas obras, valoradas nuns 30.000 euros, están a ser executadas pola empresa Tea Instalacións.
A outra actuación consiste no acondicionamento da beirarrúa perimetral ao parque infantil de Estribela. Será acabada en pedra, como xa se fixo no outro lado da praza no marco das obras da Área de Rehabilitación Integral. A mellora incluirá tamén un acceso, con pavimento de formigón, á porta do recinto da zona de xogos. Tamén se restaurará unha pequena fonte.
Por outra banda, quedou confirmado que o próximo luns comezará o fresado de todo o pavimento da avenida do Marqués de Valterra e da praza, dende a entrada á altura da pasarela, ata a fonte do límite do termo municipal con Marín. A actuación, cun orzamento de 65.670,35 euros, está a cargo da empresa EC Casas.
O fresado ocupará a xornada do luns, mentres que o martes procederase ao asfaltado de toda a superficie. O mércores quedarán paradas as obras e retomaranse o xoves e o venres para os últimos remates e o pintado final.