Desmantelado un "supermercado de droga" con dous puntos de venda de cocaína, marihuana, LSD, MDMA e haxix en Pontevedra
Por Natalia Puga
Unha intervención conxunta das policías Local e Nacional de Pontevedra permitiu desmantelar todo un "supermercado da droga" con dous puntos de venda de distintas substancias estupefacientes na cidade, entre elas, cocaína, marihuana, LSD, MDMA e haxix.
A operación permitiu a detención dun veciño de Pontevedra de 34 anos como presunto responsable e a dous colaboradores. Atribúeselle un delito contra a saúde pública.
As investigacións iniciounas a principios do mes de abril o grupo 1 de Udyco da Policía Nacional tras ter coñecemento da localización de distintos puntos de venda de droga polo miúdo en Pontevedra e nun municipio próximo. Puxéronse en contacto coa Policía Local de Pontevedra para a realización dunha operación conxunta entre ambos os corpos policiais.
Durante meses realizaron serie de vixilancias coordinadas que lles permitiron determinar a identidade da persoa responsable destes puntos de venda a mediana escala na cidade e tamén dos seus colaboradores e o lugar exacto onde o grupo preparaba, ocultaba e distribuía distintas substancias estupefacientes.
Tras identificar ao suposto líder e resto de integrantes, realizaron diversas incautacións de distinta índole que lles permitiron reunir "probas sólidas suficientes" para solicitar ao Xulgado de Garda de Pontevedra distintos rexistros.
Este mércores 6 de outubro detiveron a tres persoas, dous homes e unha muller, e levaron a cabo o rexistro de dous domicilios, un nun municipio próximo e o outro na cidade.
Nos rexistros interviñéronse 1.500 gramos de haxix, 501,63 gramos de marihuana, 66,62 gramos de cocaína, 164,3 gramos de MDMA, 5,82 gramos de speed, 233 pastillas de éxtases, 26 pastillas de brolamfetamina (DOB), 3 folios de LSD, 1 teléfono móbil e 5 básculas de precisión.
Considérase que tiñan todo un "supermercado da droga" pola variedade de drogas das que dispoñían.
Ademais, interviñeron 30.000 euros, o que indica o alto grao de beneficio da organización.