As oficinas de turismo de Sanxenxo xa superan as cifras anteriores á pandemia

Por Redacción
O turismo de Sanxenxo non só regresou aos niveis previos á pandemia da covid-19, senón que mesmo os superou. Así, as oficinas de turismo do municipio recibiron en setembro un 36,53% máis de visitantes que en 2019.
Segundo a información facilitada polo Concello, pasaron polos puntos de información situados no porto deportivo de Sanxenxo e Portonovo 1.292 persoas, 1.112 procedentes do territorio nacional e 180 do estranxeiro.
Nas estatísticas figuran turistas das 17 comunidades autónomas españolas, entre as que Castela León e Madrid encabezan a clasificación da orixe de visitantes con 215 e 219, respectivamente. Séguenlle o País Vasco, 130, Asturias,113 e outros puntos de Galicia, 86.
Ás oficinas de información turística tamén recorreron alemáns (3), australianos (2), belgas (2), estadounidenses (4), franceses (16), holandeses (2), ingleses (4), irlandeses (4), italianos (4) e portugueses (139).
O peso do turismo procedente de Portugal segue despuntando nas estatísticas, cuatriplicando as cifras de 2019.
O maior número de visitantes de setembro atópanse na franxa de idade de entre 35 e 60 anos e de máis de 60. O 73,93% pediron información sobre que visitar, o resto dos turistas acudiron por un plano, viaxes a illas en barcos, natureza ou gastronomía.
Respecto ao aloxamento, o 58,43% elixiron un hotel, o 22,02% optaron por un apartamento, mentres que o resto optaron por caravana, cámping, casa rural ou pensión.
A oficina de Portonovo, que este ano estará aberta todo este mes de outubro, de 10 a 14 horas e de 16 a 19:30 horas, recibiu o pasado mes 625 turistas e a de Sanxenxo, 487. O punto informativo de Sanxenxo recibiu 487 visitantes.