'Son a túa axuda' vai encargarse do servizo de Axuda no Fogar por máis de tres millóns de euros
Por Redacción
O organismo autónomo Terra de Sanxenxo adxudicou o Servizo de Axuda non Fogar (SAF) nas últimas horas á empresa 'Son a túa axuda' por 3,1 millóns de euros nun contrato que se alongará durante catro anos.
Este servizo dará saída ás necesidades das familias do municipio, segundo explican desde o Concello de Sanxenxo. Actualmente, 55 familias son atendidas polo SAF e o novo contrato permitirá que aumenten as ahoras dispoñibles actualmente, pasando de 33.129 a 59.632 horas, ofrecendo servizo a 75 familias.
A empresa adxudicataria ten previsto establecer tres tramos de atención: de 7 a 12; de 12 a 17; e de 17 a 22 horas. 'Son a túa axuda' conta con 150 persoas empregadas e utilizará códigos QR e unha aplicación móbil para que o persoal realice as tarefas previstas en cada domicilio.
Tamén dispón de camas articuladas, cadeiras de rodas, elevadores, táboas de ducha, colchóns, guindastres, asentos de baño e outras ferramentas que permiten mellorar a atención das persoas que precisan do servizo.
Ademais, asumirán as melloras establecidas no prego de condicións como 150 sesións de podoloxía; 150 de rehabilitación terapéutica ou actividades de formación a familiares e persoas que se encargan do coidado. Afrontarán tamén servizos de limpeza e hixiene de carácter urxente e especial nos domicilios. As melloras ascenden a un total de 33.000 euros, segundo o goberno lcoal de Sanxenxo.
A comunicación coas familias das persoas que son atendidas vai poder realizarse de forma presencial porque a empresa comprométese a abrir unha sede no municipio de Sanxenxo. Tamén contará co sistema Cibersad para manter informadas as familias en tempo real en calquera momento. Á marxe destes medios persoais propios, a adxudicataria dispoñerá de nutricionista, salón de peiteado, fisioterapeuta e podólogo para realizar os servizos.