Comeza o obradoiro "Rutas de sendeirismo" para 20 persoas desempregadas de Cambados
Por Redacción
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade activou este luns a formación laboral de vinte persoas desempregadas do municipio de Cambados coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Cambados Rutas de Sendeirismo, que conta cun investimento autonómico de 504.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Cambados, Samuel Lago, e do director do obradoiro, Enrique Ferreiro, participaron no acto de inauguración desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da formación específica en oficios.
Luis López lembrou que a Xunta inviste máis de 3 millóns de euros no Salnés e O Ullán para formar a 120 persoas sen traballo nos obradoiros de Cambados, Vilagarcía, Vilanova, O Grove, a Mancomunidade do Salnés e Valga-Moraña.
O obradoiro de emprego Cambados Rutas de Sendeirismo, que volve a celebrarse este ano tras a edición de 2020, contará cos módulos de Albanelería e Carpintaría. A formación prolongarase durante doce meses –tres meses máis que o ano pasado xa que o formato incrementou de xeito xeralizado a súa carga lectiva nun 33% para toda Galicia– e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.