Avances entre Concello e Universidade para a construción do skatepark, o edificio de Moda e a desafectación dos terreos do campus
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/da5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63259ed7ee-skatepark-proxecto-4.jpg)
© Concello de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2ac/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63259ef3d9-parcela-cesio-n-tafisa.jpeg)
© Concello de Pontevedra
O Concello e a Universidade de Vigo volveron reunirse este venres para avanzar nos acordos en canto a desbloquear a instalación do skatepark na entrada do campus, avanzar na construción do novo edificio de Deseño e Moda na parcela de Tafisa, e retomar a tramitación ca desafectación dos terreos marítimo terrestre do campus e as súas edificacións.
O encontro técnico estivo coordinado polo concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda e o director xeral da Alcaldía e de Urbanismo, Xosé Manuel Tato.
Ao respecto do skatepark, acordaron a próxima sinatura dun protocolo polo que a Universidade autoriza ao Concello a construción desta instalación deportiva a cambio do seu mantemento permanente. O skatepark está proxectado nunha parcela na entrada do Campus, entre as rúas Celso Emilio Ferreiro e a avenida de Compostela. O terreo ten unha superficie de 10.600 metros cadrados, aínda que a instalación ocupará 1.342.
Na proposta indican que manterán a vexetación e farán, incluso, novas plantacións, e instalarán bancos para crear zonas de estancia. O seu deseño permitirá que funcione como un único elemento de gran percorrido así como dúas prazas con percorridos internos.
Tamén trataron a cesión da parcela de Tafisa onde a Universidade ten previsto a construción do novo edificio académico. Con esta cesión, pasaríase a entregar a titularidade á Universidade.
A intención da Universidade é crear un edificio modular, máis pequeno que o inicialmente proxectado para acoller a Facultade de Belas Artes. Agora albergará o grao en Deseño e o máster en Deseño e Dirección creativa en moda, así como a facultade de Dirección e xestión pública.
A parcela ten unha superficie de 20.000 metros cadrados e tería menos edificabilidade que a anterior proposta universitaria, na que estaba previsto ocupar un máximo de 14.000 e deixar o resto da parcela como zona verde.
Por úlltimo, as dúas institucións acordaron retomar a organización das titularidades dos terreos na contorna do Lérez. As tres administracións con terreos nas beiras do Lérez que se ían desafectar son o Concello, a Universidade e a Xunta de Galicia. As tres, de mutuo acordo, iniciaron un único expediente de desafectación de todo o ámbito, que tramitaba o Concello de Pontevedra, pero debido á complexidade e a necesidade de informes de diversos ministerios, quedou paralizada.
Agora, a intención do Concello é retomar ese expediente, logo de chegar a un acordo coa Universidade o impulso da súa parte, xa que á Universidade aféctalle todo o Campus universitario.
O expediente comezou a tramitarse en maio de 2017 e nel pedíase a Costas do Estado a desafectación de varias parcelas situadas en dominio marítimo-terrestre que na actualidade están ocupadas por equipamentos educativos, deportivos, espazos verdes ou viais na zona da Xunqueira. O propósito era normalizar a situación administrativa destas parcelas e facilitar as actuacións que haxa que levar adiante no futuro.
Naquel expediente pedíana desafectación do Pavillón municipal de deportes, os dous estacionamentos de bordo diante do Pavillón e a rúa Domingo Fontán que os une ao Pavillón, o tramo da avenida de Compostela que vai da ponte de Santiago ao Pavillón, un pequeno anaco do parque Rosalía de Castro, a rúa Celso Emilio Ferreiro, o IES A Xunqueira I, a Escola Oficial de Idiomas, o Centro de formación do profesorado, o IES A Xunqueira 2 e espazos deportivos, o pavillón Multiusos, os campos de fútbol da Xunqueira, a Escola de Forestais e un espazo verde no campus.