O Ingreso Mínimo Vital, "un paso definitivo para saír do pozo do maltrato", segundo Maica Larriba
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, considera que para as mulleres vítimas de violencia de xénero, o Ingreso Mínimo Vital aprobado polo actual Goberno de España "pode supoñer un paso definitivo para saír do pozo do maltrato".
Larriba realizou estas declaracións este xoves durante a presentación da xornada 'Prestacións da Seguridade Social: Ingreso Mínimo Vital', que se celebrou nas instalacións da Subdelegación do Goberno.
Esta xornada é o primeiro acto da programación do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e congregou unha trintena de profesionais que traballan directamente con vítimas de violencia de xénero ou de trata.
A subdelegada do Goberno considera que o IMV pode ter esta importancia porque "pode favorecer a independencia económica necesaria para que as vítimas inicien unha nova vida".
Así, lembrou que a dependencia económica das parellas leva a moitas mulleres a "soportar anos de todo tipo de violencia". Esta prestación ofrécelles a posibilidade de acceder a unha renda económica coa que abandonar esta situación de vulnerabilidade.
Ademais, sinalou que, "fronte aos que negan a realidade da violencia machista como negan a pobreza ou o cambio climático, están as mulleres que cada día son máis valentes e se atreven a denunciar" e lembrou que cando se fixo cargo da responsabilidade de subdelegada había rexistradas pouco máis de mil vítimas no sistema Viogén e catro anos despois son cerca das mil catrocentas, "non porque haxa máis violencia machista, senón porque as mulleres romperon o tabú e denuncian máis, pois tamén son conscientes de que contan con todo o apoio deste Goberno e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado".
A actividade formativa foi impartida pola directora do Centro de Atención é Información da Seguridade Social número 2 de Vigo, Belén Pérez Rodríguez, quen informou de maneira detallada sobre todas as posibilidades que ofrece o IMV para as mulleres que sofren esta lacra social, co obxecto de que as persoas asistentes obteñan os coñecementos necesarios para trasladarlles ás posibles vítimas, de maneira rigorosa, as oportunidades desta prestación.