O Concello substitúe o firme de cemento por herba en parte do patio do colexio de Chancelas
Por Redacción
A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez comprobou os traballos que se están a levar a cabo no patio exterior do CEIP Chancelas, no que se está procedendo á substitución do pavimento de cemento por herba en parte da pista.
"Este é un paso máis de cara a continuar consolidando a transformación pola que aposta o CEIP Chancelas á hora de crear un espazo ao aire libre inclusivo, cheo de vida e que axude na concienciación medioambiental nas crianzas, a través de diferentes iniciativas", apuntou Rodríguez Alonso.
O centro xa renovou no seu día a área de lecer destinada ao alumnado de Educación Infantil, que conta cunha superficie natural e con columpios, rede trepadora e outros xogos elaborados con madeira, cordas e material de refugallo. Tal e como explican desde a dirección do centro, moitos destes elementos foron elaborados polas familias do alumnado.
Tamén hai que salientar outras actividades formativas encamiñadas nesta dirección, como a plantación de árbores que se levou a cabo o curso pasado ou o traballo que o alumnado realiza na horta ecolóxica.
Pola súa banda, o Concello de Poio, instalou tocóns, presas no rocódromo e mobiliario de madeira, sen esquecer os traballos de arranxos e mantemento que se efectúan cada verán, ao igual que no resto de centros educativos do municipio.