Poio apura os traballos nos colexios antes do inicio do curso escolar
Por Redacción
Tal e como xa é habitual, o Concello de Poio aproveitou o cese de actividade nos centros educativos durante os meses de verán para levar a cabo os pertinentes traballos de posta a punto e mantemento en todos os colexios, de cara ao inminente inicio de curso, fixado para este xoves, 8 de setembro.
A concelleira responsable da área de Educación, Raquel Rodríguez, lembra que estas tarefas, acometidas polos operarios municipais, lévanse a cabo en coordinación coa comunidade educativa. "Os labores execútanse tendo en conta as peticións que nos trasladan as directivas e responsables dos propios centros, aos que lles agradecemos a súa colaboración", indicou.
Deste xeito, o Concello asegura que terá finalizados estes traballos antes da data que marca o comezo da tempada lectiva. Raquel Rodríguez lembra que, no caso do CEIP Viñas, a Xunta de Galicia está a levar a cabo unha obra de reforma que aínda non está concluída. "Estamos en contacto permanente coa ANPA e coa dirección do colexio para axudar en todo o que sexa preciso para que a volta ás clases se produza con normalidade, a pesar destes traballos", apuntou a responsable de Educación, que desexou a todo o alumnado un feliz comezo de curso.
Por outra banda, Rodríguez Alonso confirma que o Concello de Poio "seguiremos a estar moi pendentes das necesidades e demandas das que nos dean traslado desde a comunidade escolar durante todo o curso". Un ano máis, ao igual que no 2020 e no 2021, a Administración local manterá a suba nas cotas das achegas para os comedores escolares aplicada en 2020, o que se traduciu nun incremento do 50% por cada estudante.
"Estamos a falar dun servizo moi importante e necesario para moitas familas", lembrou Raquel Rodríguez, que tamén salienta o investimento que realiza o Concello na Galiña Azul (900 euros por praza, ademais de asumir outros custes como os derivados da limpeza das instalacións).
Relacionadas:
-
O Concello substitúe o firme de cemento por herba en parte do patio do colexio de Chancelas
Por Redacción |
-
Xa está operativo o aparcadoiro disuasorio nas proximidades do CEIP Lourido
Por Redacción |
-
Unha leira cedida para aparcar acabará cos problemas de tráfico na contorna do colexio de Lourido
Por Redacción |
-
A Xunta acometerá obras por 389.000 euros no colexio de Viñas
Por Redacción |