Como poden colaborar o Centro de Supercomputación e a Escola Naval?
Por Redacción
Unha delegación do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), composta polo seu director xerente, Javier García Tobío, e o subdirector técnico, Ignacio López Cabido, visitou este luns o Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar.
A finalidade e establecer unha liña de colaboración entre ambas institucións de cara ao futuro. Para iso, e tras ser recibidos polo comandante-director da Escola Naval, capitán de navío Juan Luis Sobrino, o director do Centro Universitario da Defensa, José María Pousada, realizou unha presentación na que se mostraban as peculiaridades docentes e de investigación deste centro.
Pola súa banda, o director xerente do Cesga presentou os recursos e proxectos nos que participan, e explicoulles que como centro de cálculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados, ten como misión contribuír ao avance da ciencia e a técnica, mediante a investigación e aplicación da computación outros recursos das tecnoloxías da información, en colaboración con outras institucións, para o beneficio da sociedade.
A visita concluíu cun percorrido polas instalacións onde se forman e conviven os futuros oficiais da Armada, como o simulador de navegación, as aulas e laboratorios docentes, a biblioteca académica, o Casino de Alumnos e o propio Centro Universitario da Defensa.