O festival FERVE amplía o seu cartel gastronómico con Yayo Daporta e musical con Guadi Galego

Por Redacción

© Mónica Patxot

© Cristina Saiz

©
O festival Ferve, que se celebrará na Alameda de Pontevedra os días 16, 17 e 18 de setembro cunha fusión de música, cultura, artesanía e gastronomía, amplía o seu cartel con novas confirmacións. A organización anunciou este luns que na súa vertente gastronómica incluirá ao chef de Cambados Yayo Daporta e na musical súmase á programación Guadi Galego.
O evento incorpora 14 novos chef, que se suman aos anfitrións Javi Oleiros, do restaurante Culler de Pau (dúas Estrelas Michelin), Pepe Solla, de Casa Solla (unha Estrela) e Pepe Vieira, do restaurante Pepe Vieira (unha Estrela).
Incorpóranse ao cartel cociñeiros de fóra de Galicia como Víctor Martín, propietario do Restaurante Trigo en Valladolid, e Alejandra Herrador e Emanuel Carlucci, propietarios do Restaurante Atalaia (en Alcossebre, Castelló). Xa estaban confirmados chefs de renome como Vicky Sevilla, Iñaki Bretal, Iván Domínguez, Ignacio Echapresto, Xanty Elías, Diego Guerrero, Héctor López ou Juliano Valese, entre outros.
Entre esas novas confirmacións hai propostas galegas como Yayo Daporta, do Grupo Nove; Javier R. Ponte (máis coñecido como Taky), xefe de cociña no Cátering Boketé; Lydia do Olmo e Xosé Magalhaes, parella saída entre os fogóns de Casa Solla que rexenta o restaurante Ceibe en Ourense; ou Beatriz Sotelo, un dos nomes femininos máis relevantes da gastronomía galega, que se dedica á formación de novas xeracións de cociñeiros, a xestión de eventos e outros servizos personalizados.
Non faltará o talento local, pois a xornada inaugural do venres contará con representantes da Banda de Cociñas de Pontevedra: Rubén González (El Cafetín), Marta García (Meigas Fora), Vicente Tortajada (La Culpa de la Gula) e Marta Santiago (A Fervella).
Begoña Vázquez Gago, co seu Regueiro da Cova, representará a Ourense Cociña; Adrián Felípez (Faragulla, A Coruña) representará a Coruña Cociña; Toño Lorenzo (A Faragulla, Chantada), a Lugo Cociñeiros; e Carlos Gea (Living, Vigo) á asociación Vigo Gastronómico.
No apartado musical, Guadi Galego únese a Baiuca, Marilia Monzón, Xoel López e a Banda de Latexa Motiv. Será o seu segundo concerto este verán en Pontevedra.
Chegan as ‘Ferve Talks’
Ferve tamén anuncia un novo evento dentro da súa programación, as Ferve Talks. Trátase dun conxunto de charlas moderadas pola xornalista Teresa Cuíñas que reunirán a cociñeiros e expertos doutras disciplinas para poñer sobre a mesa preguntas sobre o futuro, a sociedade e a sustentabilidade a través da cociña.
Estas charlas serán: 'Comedores comunitarios: A revolución ecolóxica na cociña de colectividades' o sábado 17 de setembro ás 19:30 horas, con Javi Oleiros, Xanty Elías, Javier R. Ponte 'Taky' e Yayo Daporta; 'Gastro+Ciencia: Entender o valor do que comemos' o sábado 17 ás 12.00 horas con Pepe Solla, Misión Biolóxica de Pontevedra (CSIC) e Ana Lage (meteoróloga en Meteogalicia); e 'Cociña de aldea: O restaurante como axente de cambio na comunidade rural' o domingo 18 ás 12:00 horas, con Pepe Vieira, Ignacio Echapresto (Venta de Moncalvillo) e Vicky Sevilla (Restaurante Arrels).
Obradoiros
FERVE tamén incorpora oito tipos de talleres nos que o público pode participar previo rexistro na web https://estrellagalicia.es/ferve-festival/: Taller Galicia Calidade impartido por Héctor López e Iñaki Bretal; A que soa a túa cervexa?; Tiraxe de cervexa by MEGA; Roteiro da Colleita by MEGA; Taller de Maridaxe; os talleres de Cultura de Cervexa 'Como se fai a Estrela de Galicia, a nosa receita orixinal' e 'Xogo de cata a cegas con Cervexas 1906' e o Taller Desperdicio Cero by Diego Guerrero.
Xacobeo 21-22 e Estrella Galicia presentan este festival organizado por Esmerarte, coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
FERVE, a reinvención da romaría galega que congregou máis de 10.000 persoas na Alameda
Por Redacción |
-
Xoel López dálle ao FERVE Estrella Galicia unha masiva despedida na Alameda
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
FERVE Estrella Galicia ou como modernizar a romaría galega en plena Alameda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A gastronomía pontevedresa exhibe o seu potencial no arranque do FERVE Estrella Galicia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Música, gastronomía e cultura cervexeira, man a man na primeira edición de FERVE Estrella Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Guía para non perderse nada en FERVE: horarios e programación entre o 16 e o 18 de setembro
Por Redacción |
-
FERVE, a festa que fusiona música e gastronomía para "reinventar a romaría galega"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |