A Milla Vila de Sanxenxo recada case 800 euros para a Asociación Neen@s
Por Redacción
A Milla Vila de Sanxenxo recadou a pasada fin de semana un total de 796 euros que foron entregados á Asociación Neen@s
O concelleiro de Deportes do Concello e Sanxenxo, Daniel Arosa, foi o encargado de dar o cheque a Montserrat Fernández, presidenta da Asociación.
É o segundo ano consecutivo que a proba deportiva ten un fin solidario, destinando a recadación das inscricións a unha causa social. "Cremos que é unha forma de axudar e dar visibilidade ao traballo que están a facer desde este colectivo. Na proba dunha mañá recadáronse case 800 euros a través de donativos voluntarios", explicou Arosa. Ademais, coas huchas solidarias colocadas o día do evento deportivo conseguíronse 131,58 euros máis.
Esta recadación destinarase a bolsas de apoio educativo que puxeron en marcha desde Neen@s co obxectivo de "chegar onde non chegan as axudas do Ministerio de Educación para necesidades específicas de apoio educativo".
Fernández Prado explicou que se están becando entre 3 e 4 nenos ao ano e, ademais, asinan convenios con distintos gabinetes para obter descontos nas terapias, empresas de actividades e mesmo ópticas.
ASOCIACIÓN NEEN@S
A Asociación Neen@s fundouse en 2015 como resposta ás necesidades de diversas familias para dar cun diagnóstico certeiro e a correspondente atención que precisaban os seus fillos, todos pertencentes, dunha ou outra maneira, ao colectivo de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Actualmente contan con 230 familias socias e colaboran con máis de 100 familias, non só de Sanxenxo, senón de distintos puntos da comarca como Cambados, O Grove ou Ribadumia
Desde Neen@s destacan que as persoas que queiran colaborar poden cubrir unha folla de inscrición e pagar unha cota anual de 12 euros coa que pasaría a ser socio colaborador.