Perfecto Rodríguez esixe a un concelleiro que se desculpe no Facebook ou levarao ante a Xustiza
Por Redacción
As redes sociais métense na política municipal de Ponte Caldelas, non para difundir as distintas accións e ideas de goberno e oposición, senón en forma de cruzamento de acusacións entre o alcalde, Perfecto Rodríguez, e o portavoz socialista, Andrés Díaz.
Segundo sacou á luz este venres Perfecto Rodríguez, o líder dos socialistas asegurou na súa conta de Facebook que o Concello adquiriu un vehículo Mitsubishi, de segunda man, a unha empresa do marido da concelleira Teresa Martínez Tomei. O alcalde asegura que é "falso" e esíxelle unha rectificación urxente, pero non lle vale que a faga de calquera forma, senón que pide que sexa a través da mesma rede social utilizada para a acusación inicial.
O alcalde sinala que de non pedir desculpas no seu Facebook, resérvase a posibilidade de emprender posibles accións ante a xustiza "para poder preservar a súa honorabilidade e a das persoas e empresas afectadas" polas declaracións de Andrés Díaz.
Perfecto Rodríguez esixe ao portavoz socialista que se retracte publicamente nos mesmos medios nos que fixo pública "esta mentira" e, ao mesmo tempo, recrimina a este representante da oposición que faga política do "peor xeito posible", isto é, "inxuriando a persoas e empresas que nada teñen que ver coa política e que poden ver claramente prexudicada a súa imaxe e a súa actividade profesional por este tipo de mentiras".
O alcalde recordou que non é o primeiro caso no que incurre o portavoz socialista e sinalou que "se o fai actuando de mala fe, teño que dicirlle que non todo vale en política. E se o fai por ignorancia, todo o mundo en Ponte Caldelas coñece ás persoas e empresas inxuriadas por Díaz, dicirlle que xa son moitas as meteduras de pata que leva no municipio e que xa está ben de mentir e difamar".