A Deputación saca a concurso a xestión das Pousadas do Salnés
Por Oskar Viéitez
O goberno provincial aprobou este venres o concurso para a explotación privada das catro Pousadas do Salnés: A Lanzada (O Grove), Armenteira (Meis), Ribadumia e Meaño, segundo confirmou o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Así mesmo, o pleno da Corporación Provincial acordou incluír no inventario de bens da Deputación os catro centros que forman parte deste proxecto, cun valor patrimonial de 15 millóns de euros.
Numerosas empresas interesáronse neste conxunto para xestionar conxuntamente duascentas prazas hoteleiras, todas elas adaptadas para persoas con discapacidade e cunha categoría mínima de catro estrelas. Adxudicaranse a unha mesma empresa co fin de que se ofrezan uns servizos homoxéneos.
O concurso prevese publicar no Boletín Oficial da Provincia a semana que vén, a partir da súa publicación establécese un prazo de presentación de propostas de sesenta días. A adxudicación realizarase por un período que oscilará entre os 10 e os 20 anos
As Pousadas están dirixidas especialmente a un turismo que adoita ter poucas posibilidades de viaxar en grupo. Non obstante este é un "nicho de mercado" moi amplo. Segundo os datos ofrecidos pola Deputación, en España hai uns tres millóns de persoas con limitacións físicas.
As empresas interesadas en asumir a xestión das Pousadas deberán cumprir unha serie de requisitos como a contratación de persoal con discapacidades, ou que compatibilicen os usos hostaleiros cos formativos.
Neste sentido haberá un vinculo claro coa Escola Comarcal de Hostalaría que vai continuar na Lanzada os próximos anos.
As catro pousadas do Salnés foron financiadas grazas a un convenio aprobado polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea, por un importe que rolda os nove millóns de euros. Inclúen outras melloras como a recuperación da Ruta da Auga e da Pedra ou a escavación dos depósitos arqueolóxicos da Lanzada e de Monte do Castro.
Relacionadas:
-
Admítense ofertas para equipar as Pousadas do Salnés. Prezo de saída: 1,7 millóns
Por Redacción |
-
O grupo Hotusa xestionará as Pousadas do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Louzán abre unha negociación para adxudicar o servizo das Pousadas do Salnés ante as críticas do PSOE
Por Alejandro Espiño & Anxo Lourido |
-
Turismo Rías Baixas busca atraer máis visitantes estranxeiros, turistas que gastan tres veces máis que os nacionais
Por Redacción |
-
O Salnés da novos pasos para ser unha comarca plenamente accesible para o turista
Por Redacción |
-
O centro de A Lanzada seguirá dispoñible para novos obradoiros de hostalería
Por Redacción |
-
As Pousadas do Salnés, ás portas do Edén
Por Redacción |