Unha resonancia magnética móbil prestará servizo no Hospital do Salnés
Por Redacción
O Hospital do Salnés poderá contar cunha resonancia magnética móbil. Así o deu a coñecer este xoves a área sanitaria de Pontevedra e o Salnés, que confirmou que a Xunta de Galicia acaba de adxudicar á empresa General Electric Healthcare España a renovación dunha das súas tres resonancias móbiles, que tamén prestará servizo no Hospital do Salnés.
Este equipamento acaba de ser adxudicado por 891.680 euros e permitirá que os pacientes do distrito sanitario de O Salnés evitan quilómetros en desprazamentos, "garantíndose a igualdade na asistencia a aquelas persoas que viven lonxe dos seus centros de referencia da área sanitaria".
Os novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior flexibilidade e comodidade para os pacientes do distrito sanitario de O Salnés. En concreto, as melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un diámetro de imaxe de 70 centímetros, 10 máis que o anterior.
Outras melloras que se achegan no novo equipo móbil que prestará servizo no Hospital do Salnés ofrecen unha resonancia de campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade diagnóstica. Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á Telerradioloxía.
Ademais, mellóranse os tempos e a calidade dos informes no hospital arousán; evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo, posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos da área sanitaria implicados no proceso asistencial.
A área sanitaria sinala que esta nova adxudicación amosa tamén a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos propios hospitais comarcais.
Relacionadas:
-
A demora media en primeiras consultas na área sanitaria aumentou en cinco días respecto a 2020
Por Redacción |
-
A resonancia magnética rebaixa a alerta sobre a lesión de Seoane
Por Manu Otero |
-
A avaría na resonancia magnética móbil non interferirá na asistencia dos pacientes do Hospital do Salnés
Por Redacción |