O patrón dun veleiro fondeado en Pragueira resulta ferido ao manipular unha áncora
Por Redacción
Os socorristas de Sanxenxo rescataron na tarde deste mércores o patrón dunha embarcación que resultou ferido cando trataba de solucionar un problema coa áncora.
A embarcación, un veleiro, tiña oito tripulantes e estaba fondeada na praia da Pragueira, en Sanxenxo, cando o patrón sufriu feridas importantes nunha man.
Un dos oito tripulantes a bordo da embarcación alertou ao 112 Galicia ás 18.40 horas deste mércores e indicou que tiveran un problema coa áncora e o patrón resultara ferido.
Desde o 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, así como ao Servizo de Socorrismo de Sanxenxo e do Grove, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e aos efectivos do GES de Sanxenxo e de Protección Civil do Grove.
Finalmente, unha embarcación do Servizo de Socorrismo de Sanxenxo rescatou á persoa e trasladouna ata o módulo dos socorristas da praia de Major para ser valorada polos equipos médicos.