Pontevedra-Salnés, á cabeza no desenvolvemento da Áreas de Xestión Clínica ás que se opón CIG-Saúde
Por Diego Espiño
Os plans do Sergas para implantar Áreas de Gestión Clínica (AGC) nas diferentes zonas sanitarias están máis avanzados en Pontevedra-Salnés, segundo denunciou CIG-Saúde.
A organización sindical oponse radicalmente a este modelo, que asegura pretende "trasladar aos profesionais a decisión de aforro e recorte de gastos a cambios de beneficios económicos persoais".
Así defendeuno entre outros o doutor Vizoso, xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), que aludiu aos problemas deontolóxicos que isto supoñería ao ligar os incentivos ao aforro que logre cada médico e "non a obxectivos de saúde". O galeno entende que "a xente non comprenderá que os profesionais nos poidamos lucrar por facer menos probas".
Doctor Vizoso: "A xente non comprenderá que os profesionais nos poidamos lucrar por facer menos probas"
Segundo CIG-Saúde, na zona sanitaria Pontevedra-Salnés se crearían polo menos catro Áreas de Xestión Clínica, correspondentes a farmacia, dixestivo, psiquiatría e o Centro de Saúde de San Roque, en Vilagarcía.
Así se avanzou en diferentes reunións cos profesionais, mentres "noutras áreas nin sequera se coñecen os servizos", asegura o doutor Vizoso: "isto está a provocar preocupación nos profesionais".
Este proceso de implantación denuncian que "se caracteriza pola verticalidade" imposta polo xerente do CHOP, José Manuel González.
Os representantes sindicais aproveitaron a súa comperecencia ante os medios para "facer un chamamento aos traballadores e á cidadanía" ante os dous días de folga convocados na sanidade galega para o 9 e 10 de decembro porque "este é o momento de facer algo".