Deteñen un mozo con antecedentes por roubar maquinaria nunha nave sen actividade de Sanxenxo
Por Redacción
A Garda Civil do Grove detivo a un mozo de 19 anos, A.F.P., como suposto autor dun delito de roubo con forza nunha nave sen actividade de Sanxenxo da que se levaron un martelo picador para retroexcavadora e cinco picas-punteiros para esta ferramenta.
A detención produciuse tras unha denuncia por roubo presentada este luns 25 de novembro no posto da Garda Civil do Grove. O denunciante relatou que alguén rompera o candado da porta da nave, actualmente sen actividade.
A Garda Civil abriu unha investigación que deu os seus froitos xa o luns pola tarde, coa localización e detención do suposto autor e a recuperación dos efectos substraídos.
O detido, que conta con antecedentes policiais, quedou en liberdade coa obrigación de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 1 de Cambados cando sexa requirido.