Acometen melloras na Ruta dos Muíños de Samieira, na área arqueolóxica da Caeira e na contorna de Caneliñas
Por Oskar Viéitez
A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz, supervisou este mércores os traballos de mellora efectuados en diferentes puntos da ruta dos muíños de Samieira.
Estas tarefas consistiron en reparacións efectuadas nos pasamáns e a superficie das pasarelas de madeira habilitadas para facilitar o tránsito das persoas usuarias.
A concelleira de Turismo confirmou, asemade, que recentemente se lle enviou un escrito a Augas de Galicia, departamento dependente da Xunta de Galicia, para solicitarlle que acometa traballos de limpeza no río nas que acumúlase moita maleza, principalmente "en lugares moi próximos aos muíños", apuntou.
A maiores, Silvia Díaz sinalou que actualmente tamén se están a desenvolver traballos de mantemento na Área Arqueolóxica da Caeira, onde tamén se está procedendo á mellora das pasarelas. Todas estas actuacións contan cun orzamento que ascende a preto de 15.000 euros.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, pasou revista esta semana aos traballos de reforma que se están a acometer na contorna de Caneliñas, na parroquia de Raxó.
Aproveitando o cese de actividade da anterior adxudicataria, Nexia Infraestructuras, desde o departamento de Obras optouse por incluir a mellora da Praza Lameiriña. En total, o investimento ascende a máis de 400.000 euros, IVE engadido, financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Se non se produce ningún contratempo a posta a punto de Caneliñas será unha realidade por completo en poucos días.