Concentración de apoio ao director do IES da Illa de Arousa ante a Delegación de Educación
Por Redacción
No mediodía deste sábado 23, pais e nais de alumnos, profesorado, estudantes e veciños da Illa de Arousa desprazáronse ata a Delegación de Educación en Pontevedra para mostrar o seu apoio ao director do IES da Illa de Arousa, Alfonso Malvido. O director do centro presentou unha reclamación ao expediente que lle abriu a Consellería de Educación para que cese no seu cargo por atrasar un día o inicio do curso académico. Malvido indica que non contaba co profesorado necesario para o inicio normal do curso e por ese motivo, adoptou esa decisión.
O ANPA do centro encheu un autobús con numerosos veciños que quixeron mostrar o seu apoio ao director. Ademais, o ANPA tamén presentou un recurso no que se solicita o cesamento do expediente e que poida seguir funcionando o centro normalmente co equipo directivo actual. Tamén o pleno do Concello da Illa de Arousa mostrou o seu apoio ao actual director.