A avenida de Vigo de Ponte Caldelas estará humanizada antes do Nadal
Por Redacción
As obras de humanización da avenida de Vigo, en Ponte Caldelas, entran na súa fase final co asfaltado da calzada e a colocación das novas farolas nesta rúa comercial. Operarios da empresa adxudicataria, Construcciones Pérez Abilleira, trasladaron á zona maquinaria pesada e realizan unha renovación completa do pavimento existente a través da aplicación de asfalto en quente.
Con estas obras, que alcanzan un orzamento global duns 93.000 euros (dos que a Consellería de Economía e Industria sufraga o 75%), o Concello de Ponte Caldelas pretende mellorar o aspecto urbano, a accesibilidade e dinamizar o comercio local existente nesta zona aproveitando os Fondos Feder da Unión Europea.
Os traballos contemplan a construción de dous pasos de peóns elevados, un fronte ao parque infantil e outro ao comezo do paseo do río. Ademais, substituiuse toda a antiga beirarrúa na contorna do parque infantil (rúa Rosalía de Castro e Concepción Arenal), que se atopaba moi deterioradas, incorporando a contorna do parque infantil ao proceso de modernización. Así mesmo dótase á avenida de Vigo de novas farolas, similares ao resto do casco urbano, en sustitución das existentes nas fachadas, que van ser retiradas.
A fase final contempla o pintado, sinalización e ordenación das prazas de aparcamiento existentes, que provocará que só se poida estacionar nunha das marxes da vía, tendo en conta que o ancho da rúa non permite facelo en ambos lados.
Estas obras continúan ao ritmo previsto polo alcalde, Perfecto Rodríguez. Comprometeuse na Mesa Local de Comercio e cos veciños da zona para que os traballos se realizasen antes das datas do Nadal.