Un convenio tende pontes entre a Universidade e a Brilat para realizar actividades e investigacións conxuntas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Universidade de Vigo e a Brigada Galicia VII, Brilat, formalizan a colaboración que manteñen desde hai tempo e que permite organizar accións como a carreira Tui-Santiago, a misión Antártida, investigacións de I+D+i ou actividades divulgativas. Ese traballo conxunto queda agora recollido no marco dun convenio para "tender pontes" e afianzar esa cooperación.
O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto Carballo, e o xeneral xefe da Brigada, Luís Cortés Delgado, protagonizaron este venres un acto público na Casa das Campás para a firma deste convenio subscrito entre o Ministerio de Defensa e a Universidade de Vigo, no que o responsable da institución académica define como "un día moi importante" para ambas as entidades.
Jorge Soto confesouse "moi contento e agradecido" por poder plasmar en papel por primeira vez nesta colaboración. A súa implicación persoal en facelo realidade foi total e este venres incluso a firma deste protocolo foi o seu último acto público como vicerreitor.
O propósito deste convenio foi realizar un "marco amplo" que sirva de contedor a toda colaboración futura, sen limitar nada e facilitando a realización de actividades docentes, de investigación, de cooperación ao desenvolvemento e de calquera outro ámbito de interese mutuo para ambas as entidades .
Este convenio está pensado a catro anos vista e abre portas a poder impulsar iniciativas como titulacións propias da Universidade e a Brilat. Jorge Soto e Luís Cortes explicaron que agora será unha Comisión mixta entre ambas as entidades a que perfile esas actividades en xeral e as titulacións en particular, pero si aseguran que se estudarán colaboracións "a todos os niveis" e en todas as disciplinas, sen pechar a porta a nada. "Abre a portas portas ao máximo, non deixan nada pechado", insisten.
A vantaxe deste convenio, tal e como está redactado, é que permitirá nun futuro albergar todo tipo de actividades, sen limitalas. Por exemplo, protocoliza a colaboración que xa existe cada ano entre a facultade de Fisioterapia de Pontevedra e a Brigada para que o alumnado colabore na estrada Tui-Santiago ou a realización de Traballos Fin de Grao ou investigacións do alumnado que acode á Brilat.
O protocolo recentemente asinado dá "seguridade xurídica" para os catro próximos anos e contribuirá, segundo Luís Cortes, á "formación integral das persoas" e reforzará a formación do persoal da Brigada. Os oficiais do Exército teñen unha carreira e esta colaboración permitiralle continuar formándose, pois a súa preparación non termina na academia.
"A Universidade, as empresas e as Forzas Armadas teñen que ir da man", defendeu Cortés Delgado, que lembrou que "o maior activo da Brilat é o seu persoal", que está preparado tanto para facer fronte a unha pandemia (coas operacións Balmis e Baluarte) como para colaborar na erupción do volcán da Palma ou para desenvolver calquera misión no exterior.
Relacionadas:
-
Cambio á fronte da Brilat: Luis Cortés deixa a brigada tras o seu ascenso a xeneral de división
Por Redacción |
-
Defensa e a Universidade "amplían horizontes" para afondar na súa colaboración
Por Redacción |
-
Recambio xeracional e atraer talento investigador, retos do reitor Manuel Reigosa na súa nova etapa
Por Oskar Viéitez |